AFAGA atende a persoas diagnosticadas de alzheimer ou outras demencias, nun programa xestionado a través dos servizos sociais. Neste momento existen prazas dispoñibles, polo que as persoas interesadas poden dirixirse a este departamento para tramitar a súa solicitude.
O Concello de Salceda realizou a primeira fase da recuperación do edificio dentro do Plan Concellos 2019, cun investimento de 61.058,77 €, e a previsión é a de poder realizar a segunda fase no Plan Concellos deste ano, para poder facer uso tamén da segunda planta do edifico e poder deste xeito ampliar os servizos que ofrecerá AFAGA.
Calcúlase que uns 200 veciños e veciñas de Salceda padecen algunha enfermidade neurodexenerativa, polo que este tipo de programas resultan fundamentais na procura do seu máximo benestar, proporcionándolles as ferramentas e o apoio necesarios a través dunha atención individualizada.
Juan Carlos Rodríguez, Presidente de AFAGA quixo poñer en valor o compromiso do Concello de Salceda coas persoas con deterioración cognitiva e as súas familias coidadoras, e destacou "o desenvolvemento de programas de prevención para toda a veciñanza, nun centro que será modelo de referencia en toda Galicia para a creación das unidades terapéuticas no rural".
Gela Ledo, Concelleira de Benestar Social, resaltou a importancia da atención aos colectivos máis vulnerables, como neste caso, con servizos que lle permitan manter unha maior auotonomía persoal.