Os feitos ocorreron sobre as 04:30 horas do pasado venres en Salceda de Caselas, cando unha patrulla do Destacamento de Tráfico de Porriño detectou a presenza do condutor dun ciclomotor que circulaba dunha forma anómala. O vehículo seguía unha traxectoria errática e por este motivo decidiron darlle o alto.
Unha vez interceptado o vehículo, os compoñentes da patrulla observaron no condutor claros síntomas de influencia de bebidas alcohólicas. Por este motivo procederon a realizar as oportunas probas de alcoholemia arroxando un resultado de 0,76mg/ l e 0,74 mg/ l en primeira e segunda proba respectivamente, cando a taxa máxima permitida son 0,25 miligramos de alcol por litro de aire expirado.
O condutor do vehículo, un veciño das Neves, de 39 anos de idade, carecía de permiso de condución ao non obtelo nunca e o ciclomotor no que circulaba carecía de seguro e non se someteu á inspección técnica periódica.
Por estes feitos, instrúense dilixencias por supostos delitos contra a seguridade viaria; condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas e condución sen obter nunca permiso de condución. As dilixencias serán entregadas no Xulgado de Garda do Porriño.