O obxectivo fundamental do Concello é o de proporcionar unhas instalacións acordes coa demanda existente na actualidade. O fútbol base no municipio está a ser xestionado polas Escolas de Fútbol Denis Suárez, que na pasada tempada acolleron a 202 nenos e nenas, con previsión de chegar aos 246 a partires de setembro co inicio do novo curso, polo que se fai imprescindible a creación de novas instalacións que dean cobertura á totalidade de nenos e nenas do municipio que se decanten polo fútbol. Tamén o Caselas fai uso das instalacións para os seus adestramentos, ademais doutros clubes como o Parderrubias A e B, o Veteranos Caselas ou as Escolas Deportivas de Salceda que acollen a modalidade de fútbol feminino.
O Concello de Salceda ven de rematar as obras da primeira fase do proxecto de mellora das instalacións deportivas municipais de Penedo Redondo, coa construción dunha sala de usos múltiples á que se accederá dende a fachada sur do edificio actual, na que se contará con un vestiario. Ademais creouse unha cantina con acceso dende o lateral do propio campo, xerando así percorridos diferenciados para espectadores e xogadores. Esta cantina contará ademais cun almacén e dous aseos accesibles. O proxecto, cun orzamento de 87.688,13 €, executouse con cargo ao Plan Concellos 2018/2019.