Imprimir esta páxina
05
Diciembre

O PP critica a "chapuza" de Deputación e Concello na rúa da Gándara, en Salceda

“Gastaron 700.000 euros para mellorar exclusivamente a estética, porque despois das obras hai máis problemas que beneficios. Empeoraron en seguridade e funcionalidade”, sinalan

O Partido Popular denuncia que a obra na EP-2505, coñecida como a rúa da Gándara en Salceda de Caselas, resultou “unha chapuza” na que Deputación e Concello gastaron máis de 700.000 euros e que ten “máis problemas que beneficios, xa que o único aspecto positivo é que se mellorou a estética mentres se empeorou en seguridade e funcionalidade”.

 

“Fixeron o proxecto nos despachos, non se molestaron en ver a realidade deste lugar, en facer un seguimiento das obras, porque cando percorres a rúa da Gándara todos estes erros no proxecto son totalmente visibles. Non se pode gastar 700.000 euros nunha obra que só mellora na estética, e que non resolve as necesidades dos veciños. Ao contrario, créalle problemas que antes non tiña”, apunta o deputado provincial do PP, Alejandro Lorenzo que, xunto ao voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela, o presidente local do partido, Santiago Rodríguez Davila, e a concelleira Noelia Pérez percorreron a estrada.

 

Nesta liña, Davila critica que desde o principio foi unha obra mal planificada. “A estrada provincial, que dá acceso a unha parroquia e a diferentes empresas de canteiría, estivo cortada durante seis meses e o desvío fíxose por pistas municipais mal sinaladas, estreitas e en pésimas condicións”.

 

Pero o problema, ademais, “é que a obra non mellorou para nada a seguridade e a accesibilidade” que prometeron os gobernos da Deputación e do Concello. Por iso, pide ao Concello que mentres non se solucionen todos os problemas ocasionados, non recepcione a obra. Así, pon como exemplos, a desproporción nalgunhas das beirarrúas. “A beirarrúa que dá acceso ao campo de fútbol reducírona a menos dun metro de ancho, e cruza con outra que é esaxeradamente ancha”, sinala. Os populares tamén critican a eliminación de moitas das prazas de aparcamento, “que xunto a que as beirarrúas están ao mesmo nivel que a estrada provoca que moitos condutores, quizáis por confusión, aparquen os seus coches nelas. Polo tanto, cero accesibilidade e seguridade para os peóns”.

 

No que respecta á nova glorieta que construíron para calmar o tráfico, chaman a atención a que o seu excesivo tamaño dificulta o paso de camións e autobuses, “que teñen que invadir o carril contrario porque non poden circular doutro xeito”. Tamén na rotonda, indican, reduciron a beirarrúa no lado no que está colocada a terraza dun bar, dificultando así o tránsito de cadeiras de rodas e carros de nenos e, pola contra, ensacharon a beirarrúa no lado oposto, a pesar de que alí non había estes problemas de paso.

 

Outra das chapuzas do proxecto, sinalan os populares, pódese ver na ponte. “Ensancharon a parte dos peóns pero fixeron máis estreitos os carrís de circulación, polo que cando coinciden un autobús e un camión da canteira un deles ten que parar para que pase o outro”.

 

Por último, comprobaron que despois de eliminar o pechado do parque da Gándara cada vez hai menos usuarios, porque sen barreiras de seguridade ao carón da estrada o parque resulta agora menos seguro para os nenos.

 

“En máis de catro anos, este Bipartito PSOE-BNG na Deputación sacou moi poucos proxectos adiante, pero o certo é que un tras outro estanse convertendo en verdadeiras chapuzas”, critica Jorge Cubela. Temos esta estrada provincial, na que eses 700.000 euros investidos non melloran en nada a seguridade e funcionalidade desta rúa, pero tamén temos máis exemplos ao longo da provincia. En Catoira, por exemplo, tiveron que retirar o exceso de lombos nunha estrada provincial e en Cambados gastaron 1,5 millóns de euros na reforma da piscina que resultou ser unha chapuza que está provocando a fuga de usuarios”.

 

Valora agora
(0 votos)