Imprimir esta páxina
19
Febrero

O Entroido de Salceda volve aos anos 70 coa Orquestra Sur

A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación de Entroido, coa presenza de Tere Pérez e Marcos Besada por parte do Concello, acompañados de Lucía González e Sergio Rodríguez polo barrio de Castro Barreiro e Martín Acuña e Abel Pérez polo barrio da Feira.


A Concelleira presentou a ampla programación prevista para estas festas, que se extenderá dende o 1 ata o 5 de marzo, e que contará con tres grandes desfiles polas rúas da vila: o desfile escolar con máis de 1.200 nenos e nenas o venres 1, o XXI desfile de carrozas e comparsas coa participación de 13 agrupacións xa confirmada, e por último o desfile que enfrontará aos barrios de A Feira e Castro Barreiro o martes 5, e que forma o acto central do Entroido histórico de Salceda, con máis de 125 anos de enfrontamento documentado entre ámbolos dous barrios.


Como novidade presentouse este ano o “Baile anos 70” que terá lugar o domingo ás 22:00 na Praza do Concello e que contará coa “Orquestra Sur”, unha proposta da Escola de Música de Salceda que recuperou a histórica formación existente en Salceda ata a década dos 70 e coa que bailaron moitos e moitas salcedenses durante anos. A modo de homenaxe a aquela histórica agrupación preséntase esta proposta que de seguro conseguirá encher a Praza do Concello e devolvernos á década dos 70, para o que se pide que as persoas asistentes acudan tamén con vestimentas acordes coa época.


Por segundo ano consecutivo mantense o entroido tradicional coa presentación do Rancho de Entroido e os cabaleiros do barrio da Feira na Praza do Concello o domingo na Praza do Concello e posteriormente no Parque Raíña Aragonta onde tamén se celebrará a II borrallada dos mamarrachos, na que se anima a participar tanto a salcedenses como a visitantes.


Os representantes de Barreiro e Feira incidiron un ano máis no segredismo que acompaña o seu Entroido, do cal non se publica nin sequera o programa de festas ata a fin de semana de Entroido. Ambos coinciden en que o traballo forte se fai unha vez pasado o Nadal “tanto se o Entroido cae o 5 de febreiro como se cae o 5 de marzo”, aínda que durante todo o ano se fan actividades diversas para conseguir financiación para as festas, sen esquecer que estamos a falar de dous barrios pertencentes á mesma parroquia, polo que falamos de barrios pequenos.


Marcos Besada falou dos “tres entroidos” de Salceda: o dos centros escolares, o institucional, e o entroido tradicional de A Feira e Castro Barreiro, destacando o valor da recuperación histórica feita polo barrio da Feira do Rancho de Entroido e os cabaleiros. “Estamos de noraboa. Temos un Entroido coñecido en todo o País que é sinal de identidade de Salceda e que seguimos a poñer en valor cada ano. Temos claro que na loita en Castro Barreiro e A Feira é fundamental a existencia de un para que teña sentido a existencia do outro, que conseguiron incluso superar as épocas de prohibición como a da dictadura franquista”.


PROGRAMA:


Venres, 1

 
  • Desfile de entroido dos centros escolares polas rúas da vila - E. I. Xoaniña
- E. I. A Galiña Azul
- CRA Raíña Aragonta - CEP Altamira
- IES Pedras Rubias 11:00 Saída de Altamira
  • Aula aberta de danzas do mundo con Mercedes Prieto 19:00 Praza do Concello

Sábado, 2
 
  • Festa infantil de disfraces 16:30 Parque R. Aragonta
  • O Coliño Bailongo
16:30 Parque Raíña Aragonta
  • Banda Cultural de Salceda con Paco Lodeiro 19:00 Auditorio Municipal

Domingo, 3
 
  • Rancho de Entroido da Feira acompañado dos cabaleiros 12:30 Praza do Concello
  • Desfile dos cabaleiros 13:00 polas rúas da vila
  • Rancho de Entroido da Feira e II borrallada dos mamarrachos 13:30 Parque Aragonta
  • XXI Desfile de carrozas e comparsas 17:00 Saída da Devesa
  • XI Concurso de coplas de Entroido 19:00 Praza do Concello
  • Os Espantarratos
21:00 Praza do Concello
  • Baile “anos 70” coa ORQUESTRA SUR Disfrázate da época!!
22:00 Praza do Concello

Luns, 4 e martes, 5
  • Disfruta do centenario enfrontamento entre A Feira e Castro Barreiro, con verbenas nos dous barrios e coa presentación das súas carrozas e comparsas o martes ás 17:00 na Praza do Concello e ás 19:00 no cruceiro de Fontedapedra

 

 
Valora agora
(0 votos)