Imprimir esta páxina
18
Febrero

Tourón quere "traballar ao lado da veciñanza" para rematar coa política "de remendos"

Verónica Tourón deu onte o primeiro impulso á súa candidatura deixando claro que se presenta “para poñer a política ao servizo das persoas”, unha máxima sobre a que xirou a súa presentación ante á veciñanza de Salceda de Caselas.


“O 26 de maio Salceda vai decidir o seu futuro”, asegurou a candidata socialista, que espera rematar “coa política de estancamento e remendos que está a facer” o actual goberno da vila escoitando e dialogando, “algo que nunca me dou medo”, afirmou entre os aplausos das preto de 300 veciñas e veciños que se congregaron no Auditorio Municipal.


Tourón acusou ao actual goberno de Marcos Besada, “que se di progresista cando é conservador”, de ter Salceda “paralizada” facendo política “de costas á veciñanza”, como no caso do PXOM, “que foi exposto publicamente grazas a unha moción presentada polo grupo socialista”.


“Eu comprométome a facer o primeiro PXOM participativo”, anunciou a candidata socialista, pois ela é “unha veciña máis que un día decidiu que era preciso comprometerse polo pobo”, un compromiso que comparte cun equipo “capacitado e  preparado” para que o 26 de maio Salceda “teña o cambio que precisa”.

 

Tourón estivo acompañada na presentación da súa candidatura por diversos dirixentes e cargos públicos socialistas. David Regades, secretario xeral provincial e encargado de abrir o acto, asegurou estar “moi contento” antes as candidaturas socialistas encabezadas por mulleres, “pois representan o compromiso deste partido co feminismo”. Regades asegurou que é “imprescindible” que Salceda conte cunha alcaldesa como Tourón “cun único compromiso, servir ás veciñas e veciños”, e brindoulle “todo o seu apoio” como secretario xeral para rematar cun alcalde ao que acusou de “disfrazarse de esquerda para despois actuar como a dereita máis vella”.


Carmela Silva, pola súa parte, fixo un chamamento ás mulleres de Salceda “para liderar” unha campaña que coloque a Tourón “no lugar que merece” e dirixir desde a alcaldía “a gran transformación que se merece Salceda”.


Tourón tamén contou co respaldo do secretario xeral galego, Gonzalo Caballero, que cualificou de “gran acerto” o proxecto da candidatura socialista en Salceda, “cun criterio claro do que hai que facer e cunha folla de ruta construída desde a base”, asegurou.


Caballero non quixo esquecerse da recente convocatoria de eleccións xerais e asegurou que imos vivir “semanas de moita intensidade política”. “Desde este partido farémolo con forza, argumentos, pedagoxía e alegría” para trasladar “á veciñanza que o PSdeG ten un proxecto para os concellos, para Galicia e para España”.


“Xogámonos moito”, sinalou Caballero, para quen agora “é o tempo de actuar, para que o que non nos gusta non se poida dar”.


“As prioridades que tiña o goberno da dereita víanse claras na subida do 0,25% das pensións o ano pasado”, denunciou o máximo dirixente do socialismo galego, para poñer a continuación en valor “as políticas sociais levadas a cabo nestes oito meses por Pedro Sánchez”.

Modificouse o Martes, 19 Febrero 2019 17:40
Valora agora
(1 Vote)