Imprimir esta páxina
07
Noviembre

María Ramallo e Santiago Rodríguez chaman á unidade para “desaloxar da Moncloa a Pedro Sánchez”

Os candidatos estiveron presentes nun encontro organizado polo PP de Ponteareas. A presidenta local, Belén Villar,  pediulles que "volvan poñer nos orzamentos do Estado os 30 millóns que deixara o goberno de Mariano Rajoy para Ponteareas"


O Partido Popular de Ponteareas organizou un encontro para que os militantes e simpatizantes puidesen coñecer máis de preto as propostas do PP para estas eleccións xerais. Acudiron á cita o presidente provincial, Alfonso Rueda, os candidatos ao Congreso, María Ramallo e Javier  Bas, e o candidato ao Senado, Santiago Rodríguez.

 

Todos eles coincidiron na necesidade de unir o voto en torno ao Partido Popular “Se os nosos votantes deciden cambiar a opcións como  VOX ou Ciudadanos,  estarán dando o goberno a Pedro Sánchez”,  advertiu Ramallo.


Pola súa banda a presidenta local, Belén Villar, falou sobre a necesidade dun goberno que non se dedique a “desenterrar o pasado senón a proxectar un futuro para todos os españois”.  Tamén aproveitou a oportunidade para que os candidatos populares, representantes da provincia de Pontevedra, adquiran o compromiso de "devolverlle a Ponteareas o que o PSOE lle quitou. Había máis de 30 millóns orzados para a nosa terra, para a Variante de Ponteareas e a mellora necesaria da  N-120, este diñeiro esfumouse coa chegada de Pedro Sánchez.  Tamén queda pendente a ampliación da nosa depuradora, que é de vital importancia para poder terminar o saneamento no noso municipio. Pídovos que volvades a poñer a Ponteareas no lugar que lle corresponde” sentenciou Villar.

Valora agora
(0 votos)