Imprimir esta páxina
30
Octubre

Propostas gastronómicas para todos os paladares na ruta Bocados de Outono

Nesta nova edición haberá tapas sen glute e tapas veganas ademais de receitas sorprendentes realizadas con produtos de tempada. A clientela participará no sorteo de cinco grandes agasallos

O 31 de outubro arranca en Ponteareas unha nova edición de Bocados de Outono que porá en valor os produtos de tempada e promocionará a hostalería local os días 31 de outubro e 1,2,7,8,9,14,15 e16 de novembro a partir das 20 horas.


Todos os xoves, venres e sábados poderanse degustar as dezaoito tapas que se ofrecen nesta ruta gastronómica por 2,50 euros cada unha delas, un prezo para tódolos petos e así poder facer partícipes a todos e todas os que queiran probar estes petiscos de primeira calidade. Un prezo único para múltiples sabores que sorprenderán os paladares.


Tapas para todos e todas


A hostalería ponteareá quere que todas as familias poidan participar e por ese motivo ofrecerá tapas veganas en catro dos locais participantes e tapas sen glute en outros sete locais.  O pulled de xarrete e cogomelos de tempada, o fungo funga, a copa e puro, o nagiri de cachucha de porco celta con boletus e trufa, a tosta de setas e froitos secos, os callos veganos con setas e calabizo, as delicias de secreto ibérico con salsa de castañas ou o risotto con cogomelos e castañas son as propostas que temos para as persoas que se decanten polas tapas sen glute ou polas tapas veganas.


Na páxina web do concello poderase descargar o plano do roteiro con todos os locais participantes e as tapas que se ofrecen destacando cun distintivo a oferta sen glute e a oferta vegana. http://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2019/10/diptico-outono-ponteareas-2019-4-1.pdf

 

Participar ten premio


Como cada ano a concellaría de Promoción Económica quere premiar aos participantes e sorteará cinco grandes agasallos; un primeiro premio cun cheque regalo de compra de 150 euros canxeables no comercio local; un segundo e terceiro premio cun cheque agasallo de 50 euros canxeables nos locais participantes e un cuarto e quinto premio consistente nun lote de produtos da Feira de Outono. Deste xeito ademais de promover os locais de hostalería tamén se promociona o comercio local.


Todos e todas as participantes poderán, ademais, puntuar as tapas que degusten para elixir a mellor desta edición .

 

Valora agora
(0 votos)