Imprimir esta páxina
29
Octubre

Investigado por quebrantar unha orde de afastamento en Mondariz

O home, de 62 anos, xa fora detido dúas veces por violencia de xénero contra a súa exparella

 

Este ano rexistráronse na provincia de Pontevedra máis de medio centenar de persoas detidas ou investigadas por quebrantar as medidas cautelares de afastamento

A Garda Civil investiga penalmente a un veciño de Mondariz por quebrantar unha orde de afastamento da súa exparella, decretada por sentenza xudicial como consecuencia dun caso de violencia de xénero.

 

Os feitos sucederon a pasada fin de semana cando o Centro Operativo Complexo ( COC) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra recibe unha alerta informando de que un veciño de Mondariz desobedecera a orde de afastamento da súa exparella, debido a que estaba con ela tomando unha consumición nun establecemento público do mesmo municipio.

 

Unha patrulla de seguridade cidadá do Posto Principal da Garda Civil de Ponteareas trasladouse de inmediato a este establecemento e unha vez identificados os dous compoñentes da parella puideron constatar que o home tiña vixente unha prohibición de aproximarse a ela nun radio de 200 metros durante catro anos, segundo unha resolución xudicial ditada recentemente polo Xulgado do Penal núm. 4 de Pontevedra.

 

Trátase dun veciño de Mondariz, de 62 anos, que fora detido a principios deste mes por un delito de lesións no ámbito da violencia de xénero, con antecedentes policiais xa que fora detido anteriormente polos mesmos motivos e coa mesma persoa.

 

Nesta ocasión notificóuselle a súa condición de investigado como presunto autor dun delito de quebrantamento de condena, coa obrigación de comparecer, cando sexa citado, no Xulgado de Instrución de garda de Ponteareas.

 

Máis de medio centenar de persoas detidas/investigadas este ano

 

No que vai de ano detívose ou investigouse a 65 persoas na demarcación territorial da Garda Civil na provincia de Pontevedra, a maioría con antecedentes policiais, por quebrantar as ordes de afastamento con respecto ás súas exparellas.

 

Trátase dunha cifra sensiblemente inferior con relación ás 89 persoas que se detiveron ou investigaron o ano pasado. Os quebrantamentos de condena foron na súa maioría de ordes de afastamentos ou comunicacións decretadas polo xuíz en casos de violencia de xénero.

 

Estas persoas foron detidas ou investigadas, segundo os casos, por atoparse merodeando polas inmediacións do domicilio, centros de traballo ou lugares frecuentados polas súas exparellas e sobre os que tiñan a prohibición de achegarse a menos de 100 ou 500 metros; ou por poñerse en contacto con elas xa fora por vía telefónica -mediante chamada ou mensaxe- ou a través de internet.

Modificouse o Martes, 29 Octubre 2019 21:18
Valora agora
(0 votos)