Imprimir esta páxina
03
Octubre

O TSXG insta ao Concello de Ponteareas a demoler o hipermercado Eroski

A licenza foi concedida en 2002 e anulada pola xustiza en 2008


O TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) requiríu ao Concello de Ponteareas para demoler o hipermercado Eroski, ubicado na parroquia de Angoares, no prazo máximo dun ano. O tribunal esixe ao Goberno Local que inicie os trámites no prazo máximo dun mes e que manteña informado ao TSXG trimestralmente das actuacións que se realicen. No caso de incumprimento das instrucións dadas, os funcionarios responsabeis ou o propio alcalde poderían ser sancionados economicamente.

 

"O hipermercado construíuse no ano 2002 logo de que o goberno presidido por Nava Castro lle outorgara licenza un mes antes da decisión da Xunta de Galicia de suspender as normas urbanísticas", explican dende o Concello, "A licenza foi recorrida pola administración autonómica e os tribunais declarárona nula por sentenza no ano 2008".

 

O feito de que a obra se iniciase con licenza abre a posibilidade de que o Concello teña que responder dos perxuízos que a demolición implicará para os propietarios, xerando o risco para a administración local de indemnizacións de elevada contía.

 

"O Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado recentemente polo Pleno e pendente de aprobación definitiva posibilita a legalización da obra", lembran dende o Goberno Local, "existen en Ponteareas, en zonas como o polígono da Lomba, outras instalacións industriais e comerciais sobre as que pesan tamén ordes administrativas e xudiciais de demolición que só se poderán evitar a través da aprobación do PXOM".

 

O Alcalde Xosé Represas e a concelleira Chus Garrote amosaron a súa preocupación ante a decisión do TSXG e reclamaron á Xunta de Galicia “celeridade na aprobación definitiva do PXOM para dar canto antes seguridade xurídica ás actividades industriais e comerciais. Só co novo PXOM poderemos evitar os graves prexuízos económicos que para a facenda municipal conlevarían as demolicións derivadas dos acordos ilegais que tomaron outros gobernos no seu momento”.

Valora agora
(0 votos)