Imprimir esta páxina
01
Octubre

“Defendendo o Tea” retira preto de 500 kg de lixo do leito do río Tea

A plataforma “Defendendo o Tea” retirou este domingo preto de 500 quilos de lixo do río Tea á altura da Moscadeira.

No marco do Proxecto Ríos de Adega, “Defendendo o Tea” convocou unha xornada de limpeza na que os voluntarios e voluntarias retiraron do río todo o que unha parte da cidadanía, dun xeito completamente irresponsable, deita ao río. Pneumáticos, olas, plásticos de diversa orixe, vidro e ata unha bañeira apareceron no leito do Tea.

 

Alerta polos milleiros de toalliñas recollidas

 

Vintecatro persoas, entre elas a concelleira de Medio Ambiente, traballaron duro para amosarlle á cidadanía que con forza de vontade se poden facer grandes cousas.

 

Destacan os milleiros de toalliñas que foron retiradas, demostrando a importancia que ten o non desbotalas polo váter porque, ademais de contaminar, provocan atascos. A concelleira de Medio Ambiente apelou a un uso responsable de determinados produtos prestando especial atención á hora de botalos ao lixo e ao elevado número de veces que os consumimos.

 

Defendendo o Tea quixo agradecer “a todos os voluntarios e voluntarias que fan posible que, un ano máis, o río Tea quede un pouquiño máis limpo” destacando a  “súa implicación e colaboración agardando que cada ano se anime mais xente a colaborar”.

 

Do mesmo xeito querían agradecer, un ano máis, “a implicación do concello de Ponteareas co Proxecto Ríos e con Defendendo o Tea”.

 

Lembran a todos os veciños e veciñas a “obriga que temos de coidar un espazo incluído na rede Natura 2000 no que podemos atopar especies migratorias como o salmón, o reo e a lamprea a onde aínda se poden ver londras pola sua ribeira.

 

Por último, Rosa Covelo convida á cidadanía á contribuir empregando as illas de reciclaxe que se atopan en todo o concello con contedores para plásticos, cartón e papel, xenérica así como os puntos de recollida de aceite de cociña ou de pilas.

 

Tamén aproveitou para recordarlle a existencia dun servizo gratuíto de recollida de enseres ( 986 64 03 07 ) unha vez á semana e a posibilidade de achegar ao punto limpo calquera residuo ou lixo que non poida deixarse nas illas de reciclaxe. O punto limpo ofrece un amplo horario de luns a venres de 08:30 a 13:45 horas e de 16:00 a 18:00 horas estando aberto tamén os sábados de 10 a 13 horas.

 

Valora agora
(0 votos)