Imprimir esta páxina
15
Marzo

Detido un veciño de Ponteareas que sufriu un accidente e abandonou ao seu acompañante ferido grave

É un dos primeiros arrestados dende a entrada en vigor da nova lei que considera delito o abandono do lugar tras un sinistro

A Garda Civil detivo a un veciño de Ponteareas despois de ausentarse do lugar do accidente que sufriu na AP-9, onde deixou abandonado ao seu acompañante, que resultou ferido de gravidade. Foi localizado escondido nun barco e obtivo resultado positivo na proba de alcoholemia.

 

Segundo relatou o Instituto Armado, os feitos sucederon o pasado mércores sobre as 10,00 horas no quilómetro 146,1 da autoestrada AP-9, á altura do municipio de Vilaboa, onde se produciu un accidente de circulación pola saída de vía dun turismo.

 

Cando chegou a patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Vilaboa atopouse no lugar cun ocupante do vehículo ferido de gravidade e ao condutor ausente, que supostamente se deu á fuga a pé. 

 

Unha vez evacuado o ferido polos servizos sanitarios iniciouse un exhaustivo rastrexo, informa a Garda Civil, polas inmediacións do lugar onde se produciu o sinistro para tratar de atopar ao condutor, que sería localizado momentos despois a bordo dunha embarcación atracada no peirao de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa, ata a que tivo que chegar a nado.

 

No momento da súa localización tratou de agredir aos compoñentes da patrulla que concluíron coa súa detención como presunto autor dos delitos de resistencia aos axentes da autoridade; contra a seguridade viaria, por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas, cun positivo de 0,79 e 0,73 mg/ l; lesións por imprudencia e abandono do lugar do accidente.

 

Delito de abandono

 

As dilixencias entregáronse no Xulgado de Instrución número 1 de Cangas, onde posiblemente instruirase un dos primeiros procedementos polo recentemente creado delito de abandono do lugar do accidente, destaca a Benemérita.

 

A partir do día 2 deste mes de marzo, data de entrada en vigor da Lei Orgánica que aprobou este novo feito delituoso, "verse inmerso nun accidente e abandonar o lugar estará sancionado con penas de dúas a catro anos de prisión se o accidente foi causado por unha imprudencia", subliña a Garda Civil. Nos casos nos que o accidente non sexa consecuencia dunha imprudencia, a pena oscilará entre os tres e seis meses de prisión.

Valora agora
(0 votos)