Imprimir esta páxina
23
Agosto

Ponteareas, Francia, Portugal, Qatar, Rusia, Exipto e Xapón tomaron o campo do Pardellas

Alumnado do Vila do Corpus e da Sociedade Deportiva Ponteareas comparten torneo de fútbol co alumnado da escola de Michel Salgado


O campo municipal do Pardellas foi testemuña hoxe dun encontro deportivo e social no que máis de cen apaixoados do balón desputaron un torneo amizoso cun único premio final, a riqueza da interculturalidade.


A escola de fútbol MS2 que dirixe o afamado futbolista Michel Salgado acolleu con ilusión a proposta do concello de Ponteareas de celebrar un encontro no que os alumnos da vila e da prestixiosa escola puideran coñecerse e compartir a súa afección polo fútbol.


Deste xeito, esta mañá o campo do Pardellas acolleu un torneo de fútbol no que participaron as categorías prebenxamín, benxamín e infantil da escola MS2, da Sociedade Deportiva Ponteareas e do Vila do Corpus.


Francia, Ponteareas, Portugal, Qatar, Rusia, Exipto e Xapón tomaron o campo dispostos a ofrecer un espectáculo de deportividade.


O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, e o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, agardan que esta primeira experiencia sente as bases para novas colaboracións coa escola de fútbol de Michel Salgado que está a piques de abrir delegacións en Rusia e Xapón.


A escola de fútbol MS2 adestra a futbolistas de todas as categorías en distintos países do mundo.


Neste mes de agosto o alumnado desta escola, orixinario de ata dez países diferentes, adestra cada mañá no campo ponteareán en duras xornadas que lle deixan as tardes para que coñezan os arredores e reciban as visitas do seus familiares.


Pola súa parte o futbolista Michel Salgado destaca que é un pracer poder adestrar na comarca e ter aquí a mozos de dez países diferentes convivindo nesta xornada cos deportistas de Ponteareas.

Valora agora
(0 votos)