O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa García, asinaron o convenio de colaboración polo que as dúas entidades farán unha achega de 50.000 euros de cara a cubrir o orzamento previsto para a celebración da Festa do Corpus Christi 2017.
En virtude do convenio asinado, a Axencia de Turismo de Galicia achegará 40.000 euros, mentres que Abanca contribuirá cos 10.000 euros restantes. Pola súa banda, o Concello de Ponteareas, incluirá en toda a documentación e soportes referidos á Festa do Corpus 2017, a ‘Marca Galicia’ e o anagrama da entidade bancaria como patrocinadores do evento.
O apoio tanto de Turismo de Galicia como de Abanca, é o recoñecemento da importancia da Festa do Corpus Christi de Ponteareas e das súas alfombras florais, das que, as dúas entidades destacan que “son as máis importantes de Galicia” amais de converter a Ponteareas “nun referente internacional na arte de confección de alfombras florais” amais de subliñar, no propio texto do convenio asinado que a súa tradición en materia de confección de alfombras de flores “é unha das máis antigas do mundo”.
A promoción dunha festa do calado do Corpus de Ponteareas, tal e como figura no convenio asinado, entra de cheo dentro das competencias da Axencia de Turismo de Galicia que son “a valorización dos recursos turísticos así como o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial”.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, que agradecía tanto o apoio da Axencia de Turismo de Galicia como de Abanca, salientaba a importancia do apoio “a unha celebración que segue viva en Ponteareas dende hai máis de 150 anos” e que reflicte, aseguraba o rexedor local, “o traballo solidario e colectivo de todo un pobo na procura dun obxectivo común”.