A Concellería de Igualdade do Concello de Ponteareas, xestionada por Verónica Carrera, reivindica a igualdade de xénero e pon o foco no estado actual da problemática da violencia machista no noso país a través do proxecto de acción artística contemporánea “Mulleres en Acción. Violencia zero”.
Esta iniciativa arranca da Deputación de Pontevedra para conmemorar o Día contra a Violencia Machista facendo accións de sensibilización en distintos concellos da provincia, perdurando así no tempo a reflexión por parte da cidadanía.
Ponteareas é un dos concellos que participa nesta edición do programa, facendo unha acción que terá lugar o vindeiro xoves día 19 de xaneiro ás 12 horas na Praza Maior da vila. En caso de choiva levarase ao Auditorio Municipal “Reveriano Soutullo”. Participando alumnado de 3º e 4º ESO e Bacharelato de seis centros escolares.
A acción artística será unha performance titulada “Verbalización” guiada pola artista Fabiola Mecías que a define como “Verbas fundadoras de realidades, alma do que existe, a ollada sobre o mundo”. A actriz plástica desenvólvese entre a arte performativa e a creación de espazos e accións poéticos e diversos.
O contido da actividade é verbal e corporal, rematando coa elaboración dun mural que será despóis dividido e custodiado polos centros participantes.