Pasaban poucos minutos das 20:30 cando soaba o teléfono da Sala Operativa do 091, e informaban que un home que sorprenderan roubando, estaba forcexeando cun dos vixiantes de seguridade do Centro Comercial Meixoeiro.
Ao instante deuse aviso a un dos indicativos policiais que realizaban labores de prevención da delincuencia na zona, chegando ao lugar instantes máis tarde.
Á súa chegada entrevistáronse cun dos vixiantes e este manifestoulles que momentos antes, cando se atopaba na porta de acceso e saída do establecemento, un cliente comezara a pitar ao cruzar os arcos de seguridade, polo que lle deu o alto.
Tras preguntarlle se levaba algo sen abonar o home mostroulle unha lanterna e tratou de abandonar o lugar, impedíndollo o vixiante, á vez que solicitaba que chamasen á Policía.
O home non fixo caso e tentou abandonar o establecemento pola forza, iniciándose un forcexeo entre ambos que acabou no exterior do establecemento, onde caeron ao chan, golpeándose o vixiante o brazo esquerdo e a man.
Outro vixiante do Centro Comercial acudiu na súa axuda, sendo auxiliados polos policías que chegaron aos poucos instantes.
Por todo iso procedeuse á detención e traslado deste home a Comisaría, onde se lle tomou declaración e confirmouse que xa contaba con 33 antecedentes policiais anteriores, sendo varios deles por feitos similares ao descrito.
O operativo foi levado a cabo por axentes do Grupo de Atención ao Cidadán da Brigada de Seguridade Cidadá, pertencente á Comisaría de Policía Nacional en Vigo-Redondela, pasando o detido e todo o actuado ao dispor do Xulgado de Instrución nº1 de Vigo, en funcións de garda.