O Goberno galego xa abonou 6,5 millóns de euros das axudas concedidas ao sector da hostalería na área de Vigo, ao completar, no marco do primeiro plan de rescate, os pagamentos de 3.515 solicitudes.
No que atinxe a Comunidade galega, foron 20.000 as axudas que recibiu o sector da hostalería en os apoios económicos directos da Xunta de Galicia a través das tres liñas do plan de rescate por un importe total de 37 millóns de euros.
Segundo detallou hoxe a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, na área territorial de Vigo abonaronse xa 6,3 millóns . No caso do Val da Louriña, en Mos repartíronse 221.800 euros para dar cobertura ás 127 solicitudes presentadas e no Porriño 329.875 euros para 171. En Salceda de Caselas concedéronse 49.175 euros (22 solicitudes).
Segundo plan de rescate
Fernández-Tapias tamén puxo en valor o anuncio dun segundo plan de rescate para facer fronte ás novas restricións sanitarias dotado como mínimo con 50 millóns de euros e co obxectivo de poder activalo en febreiro. Deste modo, apuntou, a Xunta sumará en 90 días 140 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados pola crise e as restricións sanitarias.
Sobre esta segunda convocatoria, enfocada a persoas traballadoras autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros pechados por mor da pandemia, explicou que terá unhas características similares ao posto en marcha a finais de ano.
Trámites máis áxiles e menos requisitos
Tras destacar a capacidade de xestión no abonamento das axudas que respaldou no feito de que antes de rematar o prazo de solicitude xa se efectuaran un 70% dos pagos, sinalou que nesta nova fase da pandemia simplificaranse os trámites e os requisitos para obter as axudas. “O noso obxectivo é que cheguen antes e a un maior número de empresas”, dixo.
Como novidade, salientou, que os autónomos non terán que acreditar prestación por cese de actividade e que non se esixirá as microempresas ter activo ou ter pasado por un ERTE para optar ás axudas. En todo caso, incidiu en que as tres liñas de axudas volverán a ser complementarias e que os perceptores do 1º plan de rescate, de cumprir os requisitos, poderán volver a solicitalas.