É un problema que xa preocupaba con anterioridade, pero desde a entrada en vigor do estado de alarma, e especialmente nos últimos meses, o aumento de vehículos no monte é exponencial. Debido aos peches perimetrais e, singularmente, a prohibición de desprazarse a Portugal, os pilotos atoparon nos montes da Louriña e O Condado un lugar acaído onde practicar a súa afección. "O problema é que moitos circulan coma se se tratase dun circuito de competición sen ningún tipo de coidado nin respeto pola contorna", explican os comuneiros, "Habida conta das pegadas que deixan no monte, vese ben claro que o que practican non é deporte ao aire libre. Máis ben semella puro vandalismo".
Todos os días, pero de maneira alarmante nas fins de semana, sen pedir permiso, nin autorización, transitan a toda velocidade por pistas forestais, monte a través, instalacións das áreas recreativas, lugares de interese etnográfico e plantacións forestais. "Non respetan nada, todo lles parece tramo libre", lamentan desde as comunidades. Os danos que causan alí por onde circulan, son máis que evidentes.
A desfeita que queda tras eles evidencia a falla de sensibilidade dos pilotos para co espazo natural. "Non parece importarlles que os graven, nin tan sequera –como se pode comprobar nalgún dos vídeos- que lles advirtan das posibles sancións ás que se enfrontan", denuncian os comuneiros que lembran que a normativa é moi clara ao respecto. A lei 7/2012 de 28 de xuño de Montes de Galicia, no artigo 98, baixo o epígrafe de “pistas forestais” dispón que éstas quedan adscritas á xestión forestal e en ningún caso terán consideración de “acceso rodado público”. Xa que logo, “queda prohibida a circulación motorizada campo a través, por sendeiros, cortalumes ou vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, cinexética nos períodos habilitados, prevención de incendios, ou outros autorizados”. O artigo 128 fixa as sancións á que se enfrontan os condutores de vehículos que incumpran o establecido no anterior artigo. Cabe lembrar ademais, que os montes comunais son propiedades privadas, non son públicos. O monte en man común é unha entidade de titularidade colectiva recollida no dereito civil galego de xeito incuestionable ao longo da historia.
"Temos identificado motos e quads sen matrícula, sen seguro e condutores sen carné. Xa tramitamos varias denuncias", explican dende as comunidades de Montes, "Axentes forestais e do Seprona teñen actuado e imposto tamén varias sancións. Pero aínda así, demandamos das autoridades, especialmente da consellería do Medio Rural, pero tamén das forzas e corpos de seguridade unha maior implicación na resolución do problema. Pola nosa parte ofrecemos toda a información e colaboración. Pero non temos capacidade sancionadora. Así que faise imprescindible a sensibilización da cidadanía e a axuda dos organismos oficiais encargados de protexer o patrimonio natural de todos".
As comunidades de montes levan anos facendo un esforzo ímprobo por coidar monte e libralo destas agresións. "Os nosos recursos son limitados. Puxemos sinais informativos, balizamos zonas e acotamos lugares a protexer para impedir o paso do vehículos, pero aínda así estas medidas non son todo o eficaces que deberan" conclúen, "Non desbotamos implementar outro tipo de accións e elementos disuasorios, como barreiras físicas, cámaras de vixilancia, ou sensores, que detecten a presenza destes vehículos e activen obstáculos que impidan o paso por zonas protexidas".