Entre as emendas presentadas polo BNG está a rehabilitación ou nova construción dun centro educativo para o CEIP Fernández López, instalacións que tal e como defenden os nacionalistas, non cumpren coas necesidades estruturais básicas, fundamentalmente no que respecta á eficiencia enerxética e accesibilidade. Trátase dunha emenda presentada en máis dunha ocasión aos Orzamentos da Xunta, pero que ten sido rexeitada sempre polo PP no Parlamento Galego.
Outro dos proxectos solicitados é a construción dunha escola infantil do polígono industrial da Granxa. "O elevado número de persoas traballadoras que se desprazan ata os polígonos e os horarios laborais, que non sempre favorecen a conciliación familiar, fan necesaria a creación dun servizo de gardería infantil, inexistente na actualidade na área industrial do Porriño", explican.
A eliminación de residuos de fabricación de Lindano en Torneiros é outra das emendas presentadas, xa que "se trata dun proxecto urxente, pendente de executar, e que afecta directamente á saúde da veciñanza do noso concello".
Tres son as emendas presentadas no ámbito de Infraestruturas e Mobilidade, con proxectos dirixidos a mellorar a mobilidade das persoas. Por unha banda, solicítase a urbanización da estrada autonómica PO-407 no que respecta ao límite de Budiño e Salceda de Caselas. Trátase da antiga estrada que unía O Porriño con Salceda de Caselas e que na actualidade ten un uso principalmente local, desde que se executou a actual PO-510, polo que se reclama a súa urbanización.
Solicítase tamén a construción de zonas de seguridade para peóns na estrada PO-510 en Budiño e a execución de nova sinalización horizontal que permita o xiro á esquerda entre o punto quilométrico 3 e o 4 para favorecer o acceso ás vivendas. A Consellería de Infraestruturas comprometeuse a redactar o proxecto de variante para conectar directamente a PO-510 coa A-55.
Outro dos proxectos que presentan para "mellorar a calidade de vida no concello" é a humanización das rúas Progreso e Bos Aires, desde o cruce da N-120 (cruce do Costilleta) ata a intersección coa PO-331. Na actualidade xa hai unha variante para o tránsito cara a Gondomar, polo que, para o BNG, "estas rúas deberían soportar unicamente o tránsito local".
Por último, pero non menos importante, o BNG demanda un ano máis a incorporación dunha partida orzamentaria que permita "o soterramento da liña de alta tensión de Torneiros, xa que se trata dunha demanda histórica, pois son moitos os anos nos que se vén reclamando a eliminación da actual liña, que discorre concretamente entre a igrexa de San Rosendo e o polígono residencial nº5".
As demandas do BNG serán defendidas o vindeiro día 26 no Parlamento Galego.