Entre as emendas presentadas, están tres que afectan a A55: a creación dun enlace directo desta autovía cos polígonos residencial e industrial de Torneiros; a redacción dun proxecto sobre a variante actual da autovía O Porriño-Vigo; e a instalación de pantallas acústicas ao seu paso polo noso concello, tanto para a A55 como para a A52.
"Un dos grandes proxectos que sen dúbida mudaría o noso concello, conseguindo unha maior cohesión urbanística ao eliminar o impacto que agora supón a vía férrea, é o soterramento da liña de ferrocarril Monforte de Lemos - Vigo ao seu paso polo Porriño e a eliminación do paso a nivel no casco urbano" apuntan os nacionalistas, outro dos proxectos polos que o BNG loitará no Congreso.
A eliminación de residuos de fabricación de Lindano en Torneiros, outra das emendas que serán defendidas polo BNG, "é un proxecto urxente que está pendente de executar, co perigo que isto supón para a saúde da veciñanza do concello".
Os nacionalistas inclúen tamén outras emendas, como a recuperación das Lagoas das Gándaras de Budiño, en concreto para levar a cabo a eliminación de especies invasoras exóticas, que supoñen un problema engadido aos que xa ten a Lagoa. Tamén se demanda a construción dunha balsa de decantación para eliminar os áridos arrastrados polas escorrentías procedentes das canteiras de granito próximas.