Imprimir esta páxina
23
Marzo

A Policía Local do Porriño denunciou a 28 persoas por infrinxir o estado de alarma

A Policía Local do Porriño denunciou a 28 persoas durante a primeira semana do estado de alarma por infrinxir as restricións impostas polo Goberno. A meirande parte das denuncias foron por incumprir a limitación da mobilidade sen causa xustificada.


Todos os denunciados enfréntanse a sancións económicas que poden oscilar entre 601 € e 30.000 € en función da gravidade. A tramitación e notificación desas sancións será realizada pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra.


Entre os infractores sorprendidos polos axentes destaca un caso, o do único reincidente que xa acumula dúas denuncias por saír a pasear en bicicleta, sendo cazado unha vez en A Guía (Atios) e outra no paseo do río Louro.


Entre a casuística diversa de denunciados aparecen situacións tan singulares coma un veciño que dicía que regresaba do supermercado pero non traía nin bolsa nin compra; outro que dicía que ía ao caixeiro e non levaba tarxeta algunha e o protagonizado por tres mozos que foron sorprendidos pola Policía Local tomando unhas bebidas que levaron consigo sentados na terraza dun establecemento pechado.


A Policía Local reitera, unha vez máis, que transcurrido un período de apercibimento dabondo, rematou o tempo da pedagoxía.


Namentres  o Concello do Porriño quere agradecer o comportamento responsable da maioría da veciñanza que observa as restricións que demanda o estado de alarma.

Valora agora
(3 votos)