Imprimir esta páxina
"Cans todo o ano" regresa este domingo para reflexionar sobre a violencia de xénero Fotograma da curta "A Xustiza pola man", obra da actriz e directora Sara Casasnovas
22
Noviembre

"Cans todo o ano" regresa este domingo para reflexionar sobre a violencia de xénero

O Festival e o Cineclube Rebobina recuperan a sección “Ultravioleta”, que configuran catro curtametraxes con mirada feminista, dirixidas por mulleres


O Festival de Cans volve retomar este domingo o ciclo “Cans todo o ano”, que naceu coa finalidade de manter no Porriño o cinema vivo todo o ano, máis alá dos días do propio certame porriñés.

 

Este ciclo, que suma a colaboración do propio festival, o Cine Clube Rebobina e a Sala Ingrávida, pretende visibilizar películas e curtametraxes que non tiveron grandes oportunidades de distribución ou proxeción en salas e que, pola súa calidade ou temática, merecen ter unha nova oportunidade de exhibición ante o público. 
O primeiro filme deste ciclo tivo lugar o pasado mes de Outubro coa proxeción de “Trinta Lumes” da directora redondelana Diana Toucedo. 


 

Nesta ocasión, con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que se celebra cada 25 de novembro, o ciclo “Cans todo o ano”, rescatará as catro curtametraxes que na pasada edición do Festival de Cans configuraron a sección Ultravioleta, que tivo un enorme éxito.
As catro curtametraxes están dirixidas por mulleres, todas elas cunha mirada feminista, desde a cal abordan de xeito crítico temas como as violacións, a prostitución ou os malos tratos. As catro obras que se proxectarán serán “Benvidas ó Clube”, de Carmen PG Graxeiro, un documental demoledor sobre a trama de prostitución e corrupción arredor da chamada “Operación Carioca” en Lugo, e as curtas de ficción “Mulleres Salvaxes” de Eire García, “Feminazi” de Diana López e “A Xustiza pola man” de Sara Casanovas.

 


“Mulleres Salvaxes” é unha das curtas da produtora Corentena Producións, impulsora de proxectos cinematográficos feitos por mulleres desde unha perspectiva feminista, “Feminazi” é unha curta moi crítica co machismo cotiá, en calquera das súas vertentes, e “A Xustiza pola man”, da actriz e realizadora Sara Casasnovas é un singular relato que toma como punto de partida a poesía máis reinvindicativa de Rosalía de Castro.

 


As proxecións terán lugar este domingo 24 de novembro na Sala Ingrávida de O Porriño ás 19,00 horas, e as entradas poderán mercarse na propia sala a un prezo de 3 euros, ata completar o aforo. A duración total da sesión será de 75 minutos.

 

Valora agora
(0 votos)