Imprimir esta páxina
15
Octubre

O PP pide que se cedan a ACEESCA os terreos para o Centro de Formación Dual

Tras anos de negociacións e promesas, o Concello do Porriño non cedeu o espacio que a asociación necesita para a Escola Profesional Aceesca. Os populares inclúen esta proposta no pleno extraordinario solicitado por este grupo

O Partido Popular do Porriño reclamou ao Goberno Municipal que se efectúen, dunha vez por todas, as xestións precisas para a cesión á Asociación Aceesca dos terreos necesarios para a construción dun Centro de Formación Dual e Emprego. A proposta dos populares está incluída na orde do día do pleno extraordinario solicitado por este grupo.

 

"Tras casi dous anos de conversas e moitas promesas, a día de hoxe Aceesca non dispón de solución algunha para poder ampliar as súas instalacións e dar resposta ás necesidades formativas das persoas con discapacidade", lamenta o voceiro dos populares, Alejandro Lorenzo, "O Concello dispón de varias alternativas, varios terreos que poderían albergar o Centro de Formación. O que está faltando é a implicación e interese con este colectivo e coa sociedade porriñesa en xeral, é algo incomprensible".

 

Aceesca leva anos reivindicando a necesidade da construción deste centro formativo e buscando chegar a un acordo co Concello do Porriño para formalizar a cesión dos terreos precisos.  Chegouse a valorar unha parcela na parroquia de Budiño, esixindo dende a asociación que se consensuara cos colectivos veciñais da zona, Asociación de Veciños e Comunidade de Montes.  "Neste proceso, o Goberno Municipal amosou unha vez máis a súa falta de implicación, desatendendo as peticións da asociación e colectivos", sinala Lorenzo.

 

Tras todo o acontecido ao longo deste proceso, e deixando claro que creen firmemente no interés de toda a representación política deste Concello, dende a asociación aseguran sentirse "absolutamente ninguneados como Entidade e como Colectivo Social". Así o fixeron saber a través dun escrito remitido á Alcaldesa e aos portavoces de todos os grupos municipais agardando recibir unha proposta que responda ás necesidades de todas as partes.

 

"Aceesca presenta un proxecto claro que rompe barreiras e asegura o futuro de moitas persoas, non poden seguir a expensas de que o Concello non cumpra coa súa parte", conclúe Lorenzo.

 

Os populares aproveitaron para recoñecer á Comunidade de Montes de Torneiros por ceder parte do seu patrimonio á asociación Aceesca para a ampliación do centro residencial.


Formación adaptada ás necesidades das persoas con discapacidade


A Formación Profesional Dual supón un aumento na empregabilidade das persoas con discapacidade que, en moitas ocasións, atopan na falta de oportunidades formativas outra barreira máis que sortear para a súa incorporación ao mercado laboral.

 

As cifras evidencian a necesidade de achegar a estas persoas unha oferta formativa adaptada e estable:

 

  • As persoas con discapacidade teñen unha menor participación no mercado de traballo, cunha taxa de actividade do 37,4 %, 40 puntos por baixo da poboación sen discapacidade (77,20 %). No caso concreto das persoas con discapacidade intelectual, a situación agrávase, xa que é o colectivo con menos participación no mercado (27,5 %). En termos de ocupación, os datos non melloran: a taxa de emprego para as persoas con discapacidade é do 24,3 %, máis de 32 puntos inferior á da poboación xeral.
  • O 36,4 % das persoas con discapacidade teñen estudos primarios ou carecen de formación regrada, fronte ao 13,4 % das persoas sen discapacidade.
  • Se a esto sumamos a converxencia dos datos de formación e ocupación, hai que destacar que só o 4,12 % dos contratos celebrados en 2014 foron para persoas con discapacidade incluídas na categoría de “sen estudos”. E, con todo, as contratacións duplicáronse nos últimos 10 anos entre as persoas con discapacidade que están en posesión dalgunha titulación de formación profesional.
  • A actual oferta formativa acreditable baseada nos contidos de certificados profesionais ten unha duración media de entre 200-300 horas e módulos de prácticas laborais que non superan as 80 horas. Estas fórmulas son insuficientes para a adquisición de competencias profesionais esixidas tanto por duración como por falta de horas prácticas en contornas laborais reais. E, non se adaptan en absoluto ás necesidades que presentan as persoas con discapacidade intelectual.

 

A Formación Dual, baseada na metodoloxía "aprender facendo",  é a fórmula máis adecuada para dar resposta a esta necesidade de adaptación. Nesta modalidade formativa, as persoas están a recibir formación continua durante tres anos, fundamentalmente práctica, afianzando capacidades de forma efectiva. Desde o primeiro día o aprendiz ten un contrato laboral a media xornada que lle permite adquirir e consolidar os coñecementos e destrezas traballados na formación.  Ao finalizar os tres anos, acredítanse cunha  cualificación profesional oficial que lles abre moitas portas ao mercado laboral.

Valora agora
(0 votos)