Imprimir esta páxina
14
Octubre

O CEIP Plurilingüe Antonio Palacios e o CEIP Atín-Cela incorpóranse a “Radio na Biblio”

Esta iniciativa ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución cos centros que van desenvolver o programa Radio na Biblio ao longo do curso 2019/20. En total serán 80 os centros públicos , 30 deles de nova incorporación entre eles, o CEIP Plurilingüe Antonio Palacios do Porriño e o CEIP de Atín-Cela de Mos, que participarán nesta iniciativa, que ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar.

 

Os centros de nova incorporación recibirán fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio. Para iso contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas.

 

Pola súa banda os centros que continúan no programa,  como é o caso do CEIP Pena de Francia de Mos, recibirán unha asignación de 500 euros por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.

 

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, que conta entre os seus desafíos o de favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe. Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.

 

Neste sentido a posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional. De feito, a experiencia cos centros que xa participan en Radio na Biblio demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos e traballos que se realizan no centro.

Modificouse o Lunes, 14 Octubre 2019 12:54
Valora agora
(0 votos)