Imprimir esta páxina
O IES Ribeira do Louro mantén a súa colaboración coa Escola Galega de Espeleoloxía Alumnado, profesores e técnicos preparados para entrar na cova
08
Julio

O IES Ribeira do Louro mantén a súa colaboración coa Escola Galega de Espeleoloxía

No curso académico 2017/2018 o IES Ribeira do Louro do Porriño puxo en marcha en colaboración coa Escola Galega de Espeleoloxía (EGE) o proxecto titulado: "O ensino, promoción e divulgación da espeleoloxía nas súas diversas especialidades no ámbito da Comunidade Autónoma Galega" continuando este ano no traballo conxunto do proxecto.

A Espeleoloxía estuda a orixe e formación das cavidades subterráneas naturais e a Bioespeleoloxía a fauna e a flora das cavidades, e polo tanto, pódense considerar ámbalas dúas como parte da disciplina de Xeoloxía, dándolle a materia, ademais da formación teórica, unha visión práctica e de asimilación de conceptos básicos máis visuais para o alumnado que curse a materia de Xeoloxía e de Ciencias da Terra no centro.

 

Para rematar a formación recibida durante todo este curso escolar os alumnos e alumnas de bacharelato que cursa estas materias desprazouse a finais do mes de maio á Serra do Courel, agora xa co nome de Xeoparque Montañas do Courel (o primeiro de Galicia) para realizar diversas actividades didácticas que contribuíron a un maior afondamento no aprendizaxe da materia.

 

A viaxe, de dous días de duración, consistiu nun percorrido xeolóxico pola zona da man do xeólogo Fran Canosa, que rematou en Montefurado buscando ouro ao estilo dos romanos; na visita ao Museo Xeolóxico de Quiroga e, como novidade para estes alumnos, a experiencia máis desexada foi a visita espeleolóxica á Cova da Ceza en Noceda. Esta actividade, realizada a través da EGE e da FGE (Federación Galega de Espeleoloxía) acompañados por técnicos da primeira e polo presidente da segunda, consistiu no desprazamento polas distintas galerías e  condutos da cova, equipados co material necesario para a espeleoloxía, observando as estruturas e espeleotemas que se formaron ao longo de millóns de anos. Pero nesta cova o que máis chama a atención, sen lugar a dúbidas é o gran percorrido de río subterráneo que presenta e a través do cal, tanto alumnado como profesorado, se desprazaron para chegar á gran lagoa final.

 

Un mes antes da saída, o alumnado recibiu, nunha intensa xornada, clases teóricas (normas de seguridade, material necesario e como empregalo, movementos axeitados para non danar as estruturas,...) e prácticas no pavillón do Porriño impartidas por técnicos da EGE.

 

O conxunto destas iniciativas e a interacción destas actividades e actuacións están dirixidas a unha maior cohesión e desenvolvemento integral do alumnado, xerando unha convivencia entre os alumnos e alumnas e o deporte máis rica que de seguro redundará nunha maior calidade na ensinanza do centro.

 

Valora agora
(1 Vote)