Imprimir esta páxina
16
Mayo

O BNG expón á veciñanza as súas principais ideas para transformar o Porriño

Pedro Pereira e integrantes da súa candidatura expuxeron na tarde do mércores algunhas propostas do seu programa, que inclúen unha actuación global de mellora das zonas de San Benito e Campo da Feira


Coas intervencións de varias das persoas que integran a candidatura do BNG fóronse debullando -ao longo do seu acto central celebrado este mércores na Praza do Cristo- algunhas das liñas nas que considera necesaria unha actuación prioritaria para "transformar en positivo" o Concello: a mocidade, os servizos públicos, a igualdade, a cultura como elemento transformador, a normalización lingüística e o turismo son "eixos fundamentais" sobre os que o BNG pon o foco se obteñen a confianza da cidadanía.


Neste acto o BNG estivo acompañado pola deputada no Parlamento Galego Montse Prado, que manifestou tamén “a importancia de que Galiza teña voz propia en Europa, xa que a única deputada galega que traslada os problemas dos galegos e das galegas a Bruxelas para a procura de solucións é Ana Miranda”.


O candidato á alcaldía, Pedro Pereira, na súa intervención, ademais de expoñer aos asistentes a actuación que pretende levar a cabo nas zonas de San Benito e o Campo da Feira -moi demandadas pola veciñanza e que serían unha continuación da zona xa peonalizada polo BNG no seu momento- quixo tamén deixar claro que van seguir traballando no entorno do río Louro, “mentres outros partidos políticos parecen descubrir agora este espazo de lecer para as veciñas e veciños, nós xa levamos anos apostando por el. Aínda queda moito por facer, só queremos ter a oportunidade para seguir traballando na súa ampliación e dotalo de maiores servizos. O goberno do BNG foi o que apostou por abrir o río para os porriñeses e as porriñesas e seguiremos traballando para que este espazo se integre en maior medida na vila”.

Valora agora
(0 votos)