Imprimir esta páxina
11
Abril

O ERE de Levantina afectará a 18 empregados do Porriño

O grupo alacantino do sector da pedra natural rebaixou a pretensión inicial de despedir 300 empregados e finalmente o despido afectará a 161 traballadores

O cadro de persoal de Levantina y Asociados de Minerales, referente mundial no sector da pedra natural, decidiu en asemblea aprobar a proposta de ERE extintivo pactada entre a dirección e os sindicatos que contempla o despido de 161 traballadores, 18 deles no Porriño. O grupo alacantino rebaixou a súa pretensión inicial, que pasaba por rescindirlle o contrato a máis de 300 empregados, 33 deles galegos.

 

Os traballadores de Levantina apostaron por aceptar o preacordo ao que chegaron a dirección e os representantes sindicais o  martes, que finalmente suporá o despido de 161 persoas en todo o país fronte ás máis de 300 que pretendía botar ao principio. No caso do centro de traballo do Porriño, o número de afectados rebaixouse dos 33 iniciais aos 18 (14 de produción e 4 de oficinas).

 

O acordo que vén de ser ratificado por ampla maioría nas asembleas celebradas nas distintas instalacións da empresa establece unha indemnización de 27 días por ano traballado, cun tope de 14 mensualidades, cantidades que as centrais foron quen de aumentar durante as negociacións celebradas en Alacante.

 

A asemblea de traballadores do Porriño, que tivo lugar no día de onte, aprobou a proposta por máis de 60 votos a favor e 18 en contra, porcentaxe similar á rexistrada no conxunto do Estado, onde todas as fábricas lle deron luz verde ao preacordo, incluso a de Novelda 1, que vai ser pechada.

Valora agora
(0 votos)