Imprimir esta páxina
11
Febrero

EU SON pide o apoio da corporación á Folga Feminista do 8 de marzo

Piden a Eva García de la Torre  "que remate esta lexislatura cun mínimo de dignidade política", "cumpra coa súa obriga" e  convoque o Pleno

EU SON Porriño presentará ao vindeiro pleno da corporación municipal unha moción solicitando o apoio á Folga Feminista do 8 de marzo. A agrupación, solicita da corporación que manifeste o seu apoio á Folga Xeral das Mulleres, facilitando o seu desenvolvemento no que sexa competencia do Concello.

 

Asemade, piden que se artellen a nivel municipal, na práctica, políticas globais con dotación económica suficiente, de xestión pública, con estatísticas e avaliacións, que muden a realidade material das mulleres en prol dunha igualdade real.

 

A agrupación propón na mesma moción que se facilite dende o Concello con todos os medios mateirias, persoais e de difusión as manifestacións, concentracións, actividades e actos que convoquen as asociacións de mulleres para o 8 de marzo, e en especial, convocar un acto no Porriño ao que se conviden a todas as organizacións políticas, sindicais e sociais, así como asociacións e colectivos do municipio.

 

A proposta de EU SON, inclúe ondear a bandeira feminista no Concello como símbolo de apoio á loita das mulleres.

 

EU SON esixe á Alcaldesa que convoque o pleno

 

Dende EU SON esixen que a Alcaldesa, da que aseguran o único que esperan é "que remate esta lexislatura cun mínimo de dignidade política", que convoque ao Pleno, órgano da democracia no Concello, e deixe de "despreciar", non só aos grupos políticos senón a toda a cidadanía que os votou. "Sabemos que estamos preto das eleccións, o cal celebramos pois significa un fin de catro anos perdidos; sabemos que comezan as presas e intentos de tapar a inoperancia e falta de proxecto político para O Porriño, que foi o selo deste des-goberno que a día de hoxe vemos que nin se soportan para chegar ao final unidos; sabemos que agora a Alcaldesa vai buscar máis as fotos que someterse á fiscalización da oposición no Pleno; sabemos que, moito menos, quere permitir calquera iniciativa da oposición ou enfrontarse aos que foron parte do seu goberno ata o de agora e por decisión súa, non do destino nin de decisión allea; sabemos todo iso, pero alcaldesa ten a obriga de rendir contas e convocar ao Pleno permitindo que os grupos políticos levemos iniciativas, fiscalicemos o traballo do goberno e a veciñanza poida ser escoitada e escoitar ao goberno e a quen a representa no Pleno".  Conclúen incidindo, "Non confiamos nin esperamos máis deste goberno, pero que a Alcaldesa cumpra coa súa obriga coa cidadanía do Porriño e os grupos políticos que a representan e convoque un Pleno Ordinario dunha vez".

Valora agora
(1 Vote)