Imprimir esta páxina
06
Febrero

O BNG asegura que a ruptura do goberno municipal "obedece só a intereses partidistas"

Os nacionalistas sempre desconfiaron das alianzas "cunha dereita que só ansía o poder para uso propio"


O BNG do Porriño vén de valorar a  decisión da alcaldesa de expulsar aos seus ata agora socios de Goberno. Para os nacionalistas o cese dos dous concelleiros dos independentes só se explica dende intereses partidistas e electorais tanto do PSOE como da propia UDDL. "Non está Eva García de la Torre a pensar no benestar dos porriñeses cando decide, a tan só catro meses dunhas eleccións, cesar das súas funcións aos concelleiros Manuel Carrera e Marcelino Coto", sentenzan, "Non pode a alcaldesa alegar agora falta de lealdade ou incumprimento na acción cotiá de goberno por parte dos edís destituídos, cando tampouco os concelleiros do seu partido estiveron á altura do labor de xestión ordinaria que demanda a cidadanía do Porriño".


Os nacionalistas explican que  dende o inicio, advertiron á alcaldesa socialista dos "perigos" de asociarse "coa dereita", unha dereita que "non dubidou en mercadear co seu voto para apoiar unha moción de censura no pasado e de escenificar unha escisión do PP para acadar unha maior cota de poder ao servizo persoal, non da veciñanza".


O BNG percibiu, e así o denunciou, o seu portavoz Pedro Pereira , xa ao pouco de comezar a lexislatura, "a clamorosa ausencia dun proxecto político para o Porriño por parte do novo goberno. Só foi capaz de presentar uns orzamentos aos tres anos de iniciar o mandato. Uns orzamentos, por certo, moi mellorados coa achega das emendas do BNG. E aínda así, a alcaldesa e o seu equipo foron incapaces de executalo: o 90 por cento dos acordos acadados co BNG están sen executar. Un síntoma claro da ineficacia e escasa fiabilidade do goberno, agora descomposto".


Critican que Eva García de la Torre defendeu aos edís que agora cesa cando dende o BNG denunciron a "inacción" e "incompetencia" de Coto e de Carrera. "Por tanto,  é responsable última das deficiencias do seu executivo, porque é ela a directora dun equipo que non funciona, nin para os proxectos grandes, nin para os asuntos menores. É longa a ringleira de incumprimentos en temas transcendentais para a veciñanza do Porriño, propostas acordadas no pleno que nunca se chegaron a poñer en marcha como a mellora nas partidas de atención e emerxencia social, investimento e mantemento en saneamento e infraestruturas, mellora na prestación de servizos municipais, liñas de axudas ás traídas de auga, a creación dun servizo de normalización lingüística, etc.)"


O portavoz municipal e candidato ás eleccións de maio, Pedro Pereira, manifestou que "O Porriño debe contar cun goberno que recupere a dignidade na xestión dos intereses públicos. Que queden atrás as políticas de revanchismo político practicadas pola dereita e os socialistas do Porriño nos últimos dez anos. Precisamos de gobernos centrados na resolución das demandas da veciñanza, nun concepto e idea de pobo para a xente".

Valora agora
(3 votos)

1 comentar

  • Comment Link Francisco Francisco 06 Febrero 2019

    Despois de 40 anos vivindo no porriño xa esta todo visto e oido ,en politica de amiguismo e rebanchismo

    Informar