A Alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, foi absolta esta semana dos delitos que se lle imputaban de Falsidade Documental e Deslealtade Profesional polos feitos acontecidos no exercizo da súa actividade como avogada en febreiro do ano 2017.
García de la Torre sentábase no banco dos acusados o pasado 22 de novembro tras recoñecer públicamente, a través de diferentes medios e no pleno municipal, que mentira a uns clientes aos que asegurara que instara unha execución dunha sentencia en setembro do 2015 cando non o fixo ata febreiro de 2017, momento no que estes de deron conta do engano da súa letrada que por aquel entón ostentaba xa a Alcaldía do Porriño.
O maxistrado titular do xulgado do Penal número 1 de Pontevedra resolveu, apenas unha semana despois de celebrarse a vista, que se ben daba por probado a Alcaldesa remitiu aos demandantes "un documento inveraz que foi alterado por ela mesma ou por outra persoa a petición súa". Argumenta na súa sentencia, ainda non firme, que o "o documento non tivo acceso ao tráfico xurídico, xa que solo foi usado pola acusada para facer ver aos seus clientes que tiña presentado a demanda de execución sen que esto fora certo", polo tanto, para que esta falsidade documental poida ser punible "é preciso que a alteración afecte ao tráfico mercantil". En base a esto, a súa actitude sería para o maxistrado "reprochable" pero non constitutiva de infracción penal.
No tocante ao delito de deslealtade profesional que o ministerio fiscal introduxo como acusación no acto do xuizo oral, o maxistrado entende que Eva García non tivo opción de "exculparse", defenderse, en frase de instrucción polo que a absolve do mesmo.
Tras facerse pública a través dos medios de comunicación a acusación que pesaba contra ela, meses despois de que se decretase e comunicase á acusada a apertura de xuizo oral, Eva García pedía a baixa voluntaria das filas socialistas, regateando así o código ético da formación que obriga aos seus cargos a dimitir, no mesmo momento que se dicta contra eles acto de apertura de xuizo oral, dos seus cargos orgánicos e públicos. García de la Torre, evitaba así someterse á disciplina do seu partido e ter que dimitir como alcaldesa.
O respaldo da executiva provincial foi público, mantendo á Alcaldesa incluso na súa web como Secretaria Provincial de Xustiza dos socialistas de Pontevedra. O mesmo aconteceu cos socialistas porriñeses, que continuaban respaldando á súa cabeza de lista nos seus perfís e nas súas manifestacións públicas. Orlando Márquez, compañeiro de goberno de Eva García -investigado xunto á mesma por falsidade documental, tráfico de influencias e prevaricación por feitos relacionados coa súa xestión municipal- declaraba abertamente que agardarían a que se resolvese a situación de Eva García para nomeala candidata á alcaldía. Durante este tempo de baixa, Eva García de la Torre seguía figurando no organigrama de Goberno que colga da web municipal como membro do grupo municipal socialista.
Unha posta en escena que durou apenas dúas semanas. Hoxe, a Comisión Executiva Provincial de Pontevedra anunciou que iniciará de inmediato o proceso para readmitir como militante a Eva García. O seu secretario xeral, David Regades, segue defendendo que, pese a non ter dimitido do seu cargo de Alcaldesa, García de la Torre cumpriu o seu código ético "demostrou responsabilidade ao cumprir co Código Ético abandonando a súa militancia ante a apertura de xuízo oral. Estamos encantados con que se reincorpore de novo á militancia socialista, é un valor fundamental para o PSdeG desta provincia”, asegurou. Referíndose á sentenza defendeu que “é unha boa nova para as e os socialistas de Porriño e da provincia, que poderán seguir contando con Eva para mellorar as condicións de vida da veciñanza”.