Imprimir esta páxina
22
Octubre

Xornada de seguemento do proxecto de restauración nas Gándaras de Budiño

O sábado 20 de outubro un grupo de socios da SGHN chegados de toda Galicia (Ferrol, Pontevedra, Ourense, O Porriño, Salceda e Vigo) realizaron un encontro para visitar o espazo natural de As Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro.

Na visita puideron comprobar os resultados do “Proxecto ValoraNatura”. Dende 2014, socios da SGHN coordinan un programa de actividades medioambientais nas Ribeiras do río Louro, centrado no espazo natural ZEC Gándaras de Budiño, baseado en actividades programadas de voluntariado con periodicidade mensual, xunto cun seguemento do estado ambiental dos ecosistemas por un equipo de voluntarios e colaboradores. O obxetivo é divulgar e poñer en valor os valores naturais e etnográficos do espazo natural e aportar datos para o coñecemento da biodiversidade e o estado ambiental.

 

As actividades son sen ánimo de lucro, gratuítas e abertas a calquera persoa interesada, e inclúen un voluntariado de restauración medioambiental no espazo natural Ribeiras do Louro-Gándaras de Budiño.

 

Unha das liñas de voluntariado é a realización de traballos de restauración ambiental dunha parcela onde se localizaba o edificio en ruinas do "Centro de interpretación de As Gándaras de Budiño" (O Porriño). O edificio, construido en 2002 para albergar un centro de interpretación e aula de natureza, e cun coste de 420.000€ nunca chegou a ser equipado despois da inauguración.  Tras varios anos pechado, sufriu un proceso de abandono e degradación que agravouse polo vandalismo e sustracción dos materiais da construcción.

 

No ano 2015 o Concello de O Porriño executou a súa demolición. A parcela onde estaba o edificio ten 100 metros de lonxitude e 20 de ancho, e atópase dentro de Rede Natura2000, na zona húmeda e rodeada por hábitats de bosque aluvial de interese europeo. En febreiro de 2016 a SGHN comezou un proxecto de restauración co apoio do concello de O Porriño e a Consellería de Medio Ambiente  para a recuperación do hábitat orixinal e creación dunha charca. Despois dos traballos de adecuación do terreo con maquinaria e 3 anos de traballo manual con voluntariado e escolares, a zona está limpa de lixo e reforestada con árbores autóctonas. Na actualidade comeza a recuperación da cobertura vexetal, o crecemento das árbores e a rexeneración do chan, e o seguemento da fauna indica unha recuperación de especies de invertebrados, anfibios, reptís e aves.

 

Neste próximo ano os voluntarios do proxecto teñen proxectado continuar favorecendo a recuperación con reforestación, eliminación de prantas invasoras, limpezas de lixo e seguemento da fauna e flora. Os interesados en participar poden dirixirse á SGHN a través da súa web www.sghn.org

 

 

Proxecto ValoraNatura

 

Modificouse o Lunes, 22 Octubre 2018 12:23
Valora agora
(1 Vote)