Imprimir esta páxina
Imaxe: Telemariñas. Cedida Imaxe: Telemariñas. Cedida
12
Septiembre

Extinguido o incendio que calcinou unha planta de reciclaxe no Porriño

Ás catro e media da madrugada deuse por extinguido o incendio que arrasou a planta de reciclaxe de Xesnatura , do grupo González Couceiro, no polígono industrial e As Gándaras, no Porriño.


Por fortuna, ninguén resultou afectado, ainda que os danos materiais son cuantiosos debido a que bo parte da nave resultou calcinada, así como algún material almacenado nos arredores.


A magnitude do lume fixo saltar a alarma e de inmediato se mobilizou aos medios de emerxencias do sur da provincia e de Valença, achegándose ao lugar sobre uns vinte camións de bombeiros. A Axencia Galega de Emerxencias activou o protocolo para a colaboración transfronteiriza en materia de emerxencias, ARIEM 112 para facer frente ao lume, o que permitiu  a pronta mobilización dos servizos de extinción do Baixo Miño, Salnés, Morrazo, Vigo e Valença do Miño, así como aos membros do GES de A Guarda, Ponteareas e os equipos locais de emerxencias de Mos e do Porriño. Do mesmo xeito, participou o Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias que achegou unha cisterna con 32.000 litros de auga e un equipo de iluminación co que facilitar as tareas de extinción durante a noite.


Nun primeiro momento, todo parecía presaxiar que se repetiría o acontecido no 2008 cando máis de 120 toneladas de resíduos foron pasto do lume, dificultando enormemente as tarefas de extinción. Nesta ocasión conseguiu atallarse antes, despois da unha da madrugada  os equipos de intervención lograron estabilizar o lume ata a súa extinción arredor das catro e media da madrugada. A partir de aí e de forma paulatina, foron retirándose os medios de emerxencias, agás os Bombeiros do Baixo Miño, que permaneceron como retén xunto co Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA.


Por fortuna, non había ninguén traballando na nave no momento de iniciarse o lume, ás 21:40 horas, agás o vixilante de seguridade que foi quen alertou do incendio. Polo momento descoñecense as causas do incendio, que están a ser investigadas.


Esta é a terceira ocasión nos últimos dez anos que a empresa sufre un grave incendio nas súas instalacións. Como apuntamos, no ano 2008 a mesma nave, a pertencente a Xesnatura, sufriu un incendio de grandes dimensións que afectou gravemente ás súas instalacións. Xa no 2014, outro espectacular incendio afectou a outra das naves do grupo empresarial, sita tamén no polígono de As Gándaras a poucos metros de Xesnatura.

 

 

Modificouse o Jueves, 04 Abril 2019 11:00
Valora agora
(0 votos)