O palmarés do loitador porriñes Ricardo Baz Pereira continúa medrando. A pasada fin de semana impúxose no Campionato de España IBJJF en Madrid, conseguindo o ouro no seu peso en Nogi e un bronce con Kimono.
Ricardo confesaba sentirse "moi feliz" co resultado obtido e con "moitas ganas de seguir adestrando e mellorando". Baz prepara xa os seus próximos retos que pasan por participar en todos os campionatos que poda para prepararse o mellor posible para intentar loitar o ano que ven no Mundial, o primeiro en vista o Gran Slam que se celebrará en Portugal . Para conseguilo, agarda contar co apoio de patrocinadores que aposten por esta disciplina.
E é que a carreira deportiva deste veciño de Atios de 39 anos de idade é imparable. Vinculado ás artes marciais dende sempre, Ricardo comezou practicando Full Contact. Foi cando deu o salto á MMA cando chegou o seu primeiro recoñecemento, proclamándose Campión Galego no ano 2012. Un ouro que foi o inicio dunha meteórica carreira xa nas disciplinas de Grappling e Jiu Jitsu plagada de logros. Ricardo conta no seu haber coa medalla de ouro no Campionato Castilla e León de Grappling Feloda (2014), Prata no Campionato Galego de Grappling Feloda (2015) que revalidou no seguinte ano, Prata no Open Ansgar Arnold Fighters Barcelona (2016), Prata en Peso Medio e Bronce Absoluto no Campionato Castilla e León GI/Nogi (2017), Prata Gi no Gran SLAM Portugal FPJJB (2017) ou o Ouro no Campionato Galego Grappling Geloda (2017) onde foi proclamado Mellor Loitador Galego 2017. Tras proclamarse campión por partida doble no Campionato de Europa IBJJF Nogi o pasado mes de marzo, onde se fixo coa medalla de Prata na súa categoría e co Bronce absoluto, Ricardo impúxose tamén no campionato de Jiu Jitsu e sumisión celebrado en Modim de Basto. A súa participación no campionato luso sumou tres medallas para o porriñés, unha de Ouro e dúas máis en sumisión.