O BNG de Mos denunciou publicamente "o reiterado incumprimento das leis de transparencia municipal por parte Nidia Arévalo" que está a "dificultar o seu labor de oposición". Denuncian os nacionalistas que númerosas solicitudes de información pública, remitidas ao goberno municipal nos últimos meses, seguen agardando por resposta e o concelleiro Gustavo Barcia puxo esta situación en coñecemento da Valedora do Pobo. Remitiuselle un escrito no que se describe a “situación antidemocrática" que se está a vivir no Concello de Mos, onde se están vulnerando, na súa opinión, “non só os dereitos dos concelleiros, senón os de toda a cidadanía á que representamos”.
Barcia lembra que “un dos piares da democracia é a transparencia, así como o labor de fiscalización que lle corresponde aos grupos da oposición”. Segundo o portavoz nacionalista no Concello, “agora ao autoritarismo nas sesións plenarias hai que sumarlle a falta de respecto da alcaldesa pola lei ao pretender negarnos o acceso á información sobre a acción do goberno”. Isto, insiste, “é unha demostración máis de que o PP de Mos non goberna para toda a veciñanza e de que para eles hai cidadáns bos e malos dependendo de a quen voten”. O concelleiro do BNG confía en que a Valedora do Pobo "inste ao goberno municipal a cumprir coa lei de Bases do Réxime Local" e, “se a situación non dá unha viraxe de 180 graos”, anuncia a súa intención de acudir outras instancias, “ben sexan de índole política, administrativa, policial ou xudicial”.
A modo de exemplo, os nacionanlistas citan o escrito presentado polo seu grupo hai dous meses no que se reclaman as facturas correspondentes a gastos de protocolo de 2019. "No orzamento de aquel exercicio estaban consignados 2.000 euros para esta partida, pero a contía final ascendeu a 13.490,76 euros sen que o goberno municipal ofrecera maiores explicacións. A cifra supera nun 575% o que estaba previsto inicialmente e a alcaldesa dixo nun pleno que esa información estaba xa a disposición do BNG, pero o certo é que a documentación nunca foi entregada. Non sabemos que é o que pretende agochar o PP”, indica Gustavo Barcia, “pero temos a sospeita de que neses gastos de protocolo hai algo que non queren que a veciñanza coñeza”.