Imprimir esta páxina
04
Enero

Ningún neno de Mos quedará sen o seu agasallo de Reis

70 cativos de familias usuarias dos Servizos Sociais municipais fan realidade o seus soños navideños grazas á colaboración de AEMOS, autónomos e particulares

A concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, acompañou esta mañá ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente no auditorio do Multiusos das Pozas durante a entrega dos agasallos de reis que fixeron realidade os soños dos 70 nenos e nenas de familias usuarias dos Servizos Sociais mosenenses. Para elo respectáronse escrupulosamente os protocolos e medidas anti COVID-19 e cada familia asistiu individualmente a recoller os agasallos dos seus cativos, previa desinfección de mans na entrada, e saída por un acceso diferente.


Ademais da inestimable colaboración das Asociación de Empresarios mosenses, AEMOS, Mos Axuda contou nesta ocasión para esta iniciativa solidaria navideña coa colaboración de pequenas empresas e autónomos, e particulares entre os que destacaron os pais e nais de alumnos das Escolas Infantís de Mos.


Os agasallos que os 70 cativos beneficiarios recibiron esta mañá, nun acto conxunto organizado para as 12.00 horas da mañá, son xoguetes, obxectos, materiais ou prendas que previamente os nenos beneficiarios pediron nas súas respectivas cartas aos Reis Magos; tal e como se ven facendo en Mos desde fai xa varios anos, para que todos poidan ter o que piden e que, deste xeito, ningún cativo de Mos quede sen cumprir o seu desexo de Nadal.


Melchor, Gaspar e Baltasar, entregaron hoxe os agasallos da campaña municipal solidaria, Mos Axuda no Nadal, adiantándose un día á data habitual de entrega de agasallos de reis, que os Magos de Oriente farán de forma xeralizada mañá pola noite.
A representante municipal mosenses, Sara Cebreiro declarou que “esta iniciativa naceu perseguindo a finalidade de prestar axuda e protección aos máis necesitados, coa colaboración do empresariado, para poder levar a cabo este proxecto solidario e que todos os nenos e nenas de Mos fagan realidade o seu desexo nestas festas”.
Mos Axuda no Nadal é unha iniciativa solidaria promovida polo Concello de Mos en colaboración coa Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, entre o seu tecido empresarial asociado, para que ningún desexo dun neno este Nadal quede sen facerse realidade.
A edil de Política Social aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración da Asociación de Empresarios de Mos e dos pequenos empresarios, autónomos e particulares que fixeron posible este proxecto solidario.

Valora agora
(0 votos)