O Real Club Celta inaugurou hoxe sábado a primeira fase do seu proxecto nun acto sinxelo no que primaron as medidas de seguridade e prevención. Estas novas instalacións serán utilizadas polo primeiro equipo do RC Celta, que xa se adestra nelas desde o pasado xoves, e polas súas categorías inferiores.
O evento, que tivo lugar un ano despois do acto de colocación da primeira pedra, contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luís Rubiales; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; e o presidente do RC Celta, Carlos Mouriño.
Un grupo reducido de persoas, entre eles representantes de diversas institucións e entidades deportivas, das penas celtistas, o abonado número un do clube, Enrique Molares, Manolo, o gran capitán, os capitáns do primeiro equipo e responsables dos medios de comunicación de Vigo, asistiron á inauguración cun percorrido guiado polas instalacións.
Posteriormente, disputouse un partido entre os Xuvenís de División de Honra do Celta e o Deportivo. Núñez Feijóo, Carlos Mouriño e Nidia Arévalo descubriron unha placa conmemorativa da inauguración e a continuación o capitán do RC Celta, Hugo Mallo, o xogador do Benjamín A, Germán (que é ademáis veciño de Mos), e o presidente da Comunidade de montes de Pereiras, Jorge Lorenzo, plantaron un carballo cunha placa na que se pode ler: “Este carballo representa ou firme compromiso do RC Celta polo coidado e respecto do medio ambiente. Esperamos que ao seu carón siga crecendo a nosa canteira e fortalecendo vos nosos valores”.
Feijóo: "A Cidade Deportiva Afouteza reforza o futuro do fútbol e do deporte galego"
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou a importancia da nova Cidade Deportiva “Afouteza” do Real Club Celta de Vigo para reforzar o futuro do fútbol e do deporte galego.
Feijoo destacou que servirá para adestrar aos talentos “do presente e do futuro do Celta e, en consecuencia, do fútbol galego” e manifestou que a entidade deportiva merecía contar cunha Cidade Deportiva “de primeira” para o primeiro equipo e os conxuntos da canteira.
“Unhas instalacións propias, de última xeración, á altura da súa relevancia, e abertas aos veciños da área”, incidiu, ao tempo que lembrou que a súa posta en marcha fai realidade o desexo expresado polo club como unha “necesidade imperiosa”.
Na súa intervención, o presidente recordou o apoio da Xunta de Galicia ás aspiracións do Celta para que continúe a ser un “estandarte do Vigo metropolitano e de toda Galicia”. Así mesmo, precisou que o club contribuíu “ao mellor da historia do deporte galego” e que, como “patrimonio deportivo” de todos, as Administracións deben entender o seu papel, respectalo e apoialo.
Nidia Arévalo: "Este neno que hoxe bota a andar é unha gran herdanza dos mosenses de hoxe para os de mañá"
Na súa intervención a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “esta é a primeira vez que ser a porta de Vigo nos reporta un importante beneficio: un gran proxecto: o gran proxecto da área metropolitana: ‘Afouteza’, a Cidade Deportiva do Real Club Celta. Desde sempre Mos é un pobo orgulloso de sí mesmo, de ser Mos por iso o noso lema é SOMOSMOS, agora Mos tamén está orgulloso de ter ao Celta no municipio. Por iso como alcaldesa de Mos é para min un verdadeiro orgullo ser testemuña dun momento histórico como o de hoxe que naceu fai 3 anos, no Nadal de 2017 no Pazo Los Escudos, e por fin hoxe bota a andar de verdade. Este neno que hoxe bota a andar é unha gran herdanza dos mosenses de hoxe para os do mañá, do Celta de hoxe para o do mañá”.
Carlos Mouriño: "A Cidade Deportiva Afouteza está en camiño de converterse nunha das mellores en España"
O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, destacou que con este proxecto “o Real Club Celta segue crecendo” e que desta forma “sentan as bases do futuro do club, que hoxe é máis esperanzador e halagüeño”. Tamén sinalou que a nova cidade deportiva “está en camiño de converterse das mellores en España”. Esta primeira fase do proxecto xa conta con tres campos de fútbol e zona de tecnificación e instalacións interiores con vestiarios, ximnasio, sala de fisioterapia, oficinas, sala de prensa, set de televisión, amplo comedor, etc. A Cidade Deportiva Afouteza é un proxecto innovador e sostible que aúna deporte, lecer e natureza. Durante a súa construción, baseada na arquitectura bioclimática, respectouse ao máximo a contorna, gardando un equilibrio coa paisaxe. Ademais, a edificación é autosuficiente desde o punto de vista da utilización das augas.
O proxecto contempla na súa totalidade a construción de nove campos de fútbol e un edificio que crecerá ao redor deles. Esta construción dará resposta a todas as necesidades do club en todas as súas categorías, á vez que se constituirá como un novo espazo para o lecer e o entretemento.
Con este proxecto, o RC Celta quere situarse como un referente internacional e consolidarse co seu obxectivo de apontoar a formación dos xogadores de canteira, que xa é recoñecida polo seu éxito. A afección do RC Celta tivo a oportunidade de escoller o nome da nova cidade deportiva. Nunha votación que contou coa participación de máis de 15.000 persoas, Cidade Deportiva Afouteza foi a proposta gañadora.
Oposición dos comuneiros
Paralelamente ao acto de inauguración, membros da entidade comunal dos montes de Tameiga reiteraron o seu rexeitamento ao proxecto da cidade deportiva, envolto en polémica ao ser tachado de "pelotazo urbanístico" por parte de diferentes entidades sociais e políticas os últimos anos.
Os comuneiros colgaron pancartas nas inmediacións dos accesos da nova cidade deportiva. "As obras están sen terminar e terán que enfrentarse ás múltiples denuncias qeu poñen en tela de xuizo a súa legalidade. Este acto é só unha escenificación máis para presentar o seu delirio como un feito consumado e que os veciños se dean por vencidos e renuncien a defender o ben común", sinalan os comuneiros de Tameiga nun comunicado remitido aos medios