Imprimir esta páxina
08
Enero

Rocío Blanco, Campioa Máster do Campionato Galego e da Copa de Galicia de Ciclocross

A ciclista mosense leva só 5 anos subida á bici e este foi o seu primeiro ano de competición

A ciclista mosense Rocío Blanco Carrera foi homenaxeada no Concello de Mos polos seus recentes títulos de Campioa Galega de Ciclocross Máster 2019 e da Copa Galicia de Ciclocross 2019 na categoría Máster-30. Blanco Carrera foi a protagonista dunha recepción na que estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Camilo Augusto, a concelleira mosense de Deportes, Begoña Toucedo, e demais membros do goberno e da Corporación Municipal.


Rocío Blanco, de 38 anos, veciña mosense natural da parroquia de Guizán e residente en Torroso, ven de gañar, o pasado 29 de decembro, o Campionato Galego de Ciclocross 2019 Categoría Máster, que se celebrou no velódromo do Porriño. Esta mosense que leva tan só 5 anos practicando ciclismo, dos cales leva soamente 1 ano en ciclocross e nunca competira ata o de agora, estréase nesta competición cun ouro no Campionato Galego.


A propia Rocío conta que antes de subirse á bicicleta corría trails de atletismo onde os seus compañeiros, tamén afecionados á bici, animároma a sumarse a este deporte ao que non tardou moito en “engancharse”.


O mérito de Rocío non se queda en erixirse Campioa Galega nunha competición na que participaba por primeira vez. O desta mosense é todo un exemplo de esforzo e conciliación da vida familiar, laboral e deportiva. Blanco traballa a turnos nunha fábrica de caucho no Porriño e no seu tempo libre adícase a adestrar. Ademais é nai dunha nena de 15 anos que a acompaña a tódalas carreiras.


Os adestramentos desta mosense son dunha frecuencia de 3 ou 4 días por semana. A cada adestramento adícalle unha hora.  


Esta Campioa Galega nai, deportista e traballadora, corre no equipo ciclista Budiño Bike e, ademais de gañar o Campionato Galego de Ciclocross 2019 en Categoría Máster, ven de gañar tamén a Copa Galicia de Ciclocross 2019 en Categoría Máster-30. As dúas últimas carreiras desta competición disputounas os pasados días 4 e 5 de xaneiro. O sábado 4 correu en Verín e o domingo, día 5, en Maceda.


E non para Rocío, porque xa ten previsto participar, o vindeiro sábado 11 de xaneiro, no Campionato de España de Ciclocross que se disputará en Pontevedra e, sobre os posibles resultados no mesmo, Blanco Carrera declara estar “á expectativa, posto que en carreira nunca se sabe o que pode pasar”.

Valora agora
(0 votos)