Imprimir esta páxina
17
Junio

O BNG de Mos lamenta "as dificultades para asistir ao pleno de investidura"

O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, considera que o Multiusos sería un lugar máis axeitado para a celebración do pleno

O BNG de Mos vén de denunciar, tras o pleno de investidura,  “a falla de vontade do goberno do PP para facilitar o acceso da veciñanza ás reunións da corporación municipal”. Según denuncian os nacionalistas o espazo reservado para o público "era insuficiente" e "moitos asistentes tiveron que seguir a sesión de pé, bloqueando deste modo a saída cara ás escaleiras". O novo portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, denuncia que “en caso dunha emerxencia, aquilo ía ser un colapso total e hoxe estariamos lamentando algunha desgraza”.


Segundo Barcia, “o goberno era plenamente consciente de que a afluencia de público á sesión de investidura ía ser moi importante”, pero "non se buscou un emprazamento alternativo no que houbera espazo abondo para todas as persoas que querían seguir o pleno". O concelleiro do BNG considera que o Multiusos das Pozas sería o lugar axeitado para acoller a constitución da corporación municipal. Lembra que estas instalacións, que na súa opinión “están infrautilizadas”, son de titularidade municipal e indica que o seu auditorio conta cun aforo “máis que suficiente” para que o público puidera asistir con plenas garantías de seguridade.


Gustavo Barcia reiterou a súa intención de solicitar unha modificación no regulamento dos plenos do Concello de Mos para "facilitar o acceso e a participación directa da veciñanza". A primeira medida que se debe adoptar, na súa opinión, é “mudar o horario de celebración das sesións ordinarias”, que actualmente teñen lugar o último luns de cada mes ás 10 da mañá. O portavoz nacionalista sinala que “a esta hora a maior parte da xente está traballando” e cre que “a Nidia Arévalo e ao PP non lles interesa que a xente coñeza o que se fala nos plenos”.

Valora agora
(0 votos)