Imprimir esta páxina
25
Abril

Arde o Pazo: Mos volve a 1809 este sábado para expulsar aos franceses

O 27 de abril “Arde o Pazo, Mos-1809” chegará á súa 11ª edición para recrear expulsión definitiva do exército de Napoleón do sur de Galicia e lembrar os acontecementos históricos e aos personaxes locais máis destacados na comarca da Louriña. As representacións terán como punto culminante o incendio do Pazo dos Marqueses de Mos, provocado polos franceses na súa retirada de Tui.

Dende a asociación cultural “ViaxaMos no Tempo” queren divulgar esa parte da historia local para, seguindo a proposta do escritor Pedro Feijoó, redefinir como “Guerra de Galicia” o que no resto do estado se deu en chamar “Guerra da Independencia”.

 

"Lonxe da versión `oficialista´ dos feitos, queremos rescatar do esquecemento aos personaxes mosenses que protagonizaron e lideraron aquela loita na que a xente do pobo tivo que autoorganizarse ante a ausencia de goberno e mandos militares", explican dende a organización, "José Benito Bernárdez, xefe da Alarma de San Antoíño, o Frade Giráldez ou o valente veciño de Petelos, Juan Araujo, foron os personaxes mosenses que destacaron na Louriña e volverán a ter vida este sábado".

 

Para axudar recrear a expulsión dos franceses, os mosenses contarán ca axuda da Milicia de Vigo, o clube Falcata de esgrima antiga, as Heroicas Alarmas de Pontesampaio, a Alarma de Casal de Eirigo (Valga), pertencentes a outras asociacións que recrean nos seus pobos esta loita que hai 211 anos aconteceu en toda a provincia de Pontevedra.


Ao mesmo tempo recrearase a vida social da época co pago dos foros aos marqueses de Mos durante a celebración do mercado de artesanía e produtos gastronómicos, e varios artesáns estarán realizando demostracións dos seus oficios tradicionais. O público infantil poderá participar nos “Xogos do Marqués” e disfrutar dos títeres de Tanxarina. Os asistentes tamén presenciaran a loita dialéctica que enfrontará a un galego e un francés en clave de regueifa.

 

A música tradicional sonará durante toda a xornada cos grupos de gaitas de San Xurxo de Mosende e Abrente de Torroso, as pandereteiras das Pedriñas e o grupo Arume de Guizán.

 

A recreación dos acontecementos históricos será teatralizada en 3 actos. O primeiro empeza ás 12 do mediodía coa chegada dos franceses e o asalto ao Pazo de Mos. Despois do xantar terá lugar o segundo acto, que recrea o ataque dos mosenses ao exército francés e que aconteceu no barrio do Amieirolongo.

 

O incendio do Pazo de Mos e o remate da festa


O momento máis agardado da noite será a recreación do incendio do pazo de Mos provocado polo exército do Xeneral Maucune na súa fuxida da comarca.  Este será o terceiro acto que ao igual que na pasada edicón, contará cunha proxección sobre a fachada do pazo antes da simulación do incendio.


A Banda da Loba, un dos grupos máis prometedores da escea galega porá remate á festa.

Valora agora
(1 Vote)