Imprimir esta páxina
05
Febrero

COGAMI pon en marcha un servizo de vivenda tutelada en Mos

Neste proxecto piloto participan 15 persoas, divididas en quendas de 5 persoas, que terán que convivir durante dous meses e medio nunha casa totalmente adaptada


 
Cinco das corenta e dúas persoas usuarias que ten o centro de recursos que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ten en Mos (COGAMI) este luns acudiron ao centro coa maleta feita. Durante dous meses e medio, Ramón, Antonio, Vanesa, Nara e Araceli van ser compañeiras de vivenda, porque serán elas as encargadas de estrear un novo proxecto piloto de vivenda tutelada e totalmente adaptada en Mos.

 

Na inauguración deste proxecto, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de  Política Social, Sara Cebreiro, acompañaron ao presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, ao director do centro de Mos, Celso Álvarez, e ao director da oficina “La Caixa” de Mos, Ricardo Otero, entidade financeira que apoia este programa.

 

“Aquí o que se trata é de poñer en valor as capacidades das persoas, que os espazos que temos non sexan centros permanentes, que a xente faga cada día a súa vida nun espazo”, apuntaba Anxo Queiruga. Engadiu tamén que a través deste tipo de proxectos “se trata de demostrar que se as persoas teñen uns apoios necesarios e recursos poden xestionar a súa vida, tomar as súas propias decisións”.


Baixo o nome de Independízate, COGAMI bota a andar un proxecto co que se pretende mellorar a calidade de vida e, sobre todo a autonomía das persoas con discapacidade física. O obxectivo é adestrar a 15 persoas en habilidades para a vida autónoma, polo tanto, as persoas participantes terán a oportunidade de convivir nun espazo adaptado, tendo a disposición persoal de apoio que lles acompañará no seu proceso de aprendizaxe e adestramento. A posta en funcionamento deste servizo será un recurso de vivenda tutelada para persoas con algún grao de dependencia e que precisen nun futuro deste tipo de servizo.

 

“É un proxecto bonito, de futuro e se debe coller de exemplo noutras comunidades, sentimos agradecemento e pretendemos seguir colaborando en calquera proxecto deste tipo”, apuntaba o director da oficina “La Caixa” de Mos, Ricardo Otero.

 

Este proxecto vai dirixido tanto a persoas que contan con axuda dunha terceira persoa como tamén para as que non a teñen. Todas elas terán que realizar tarefas propias para desenvolverse do xeito máis autónomo posible e traballar aspectos básicos da economía familiar, control de gastos, a xestión de compras, así como o aseo e coidado persoal, as tarefas de limpeza do fogar e o tempo de lecer ou esparexemento tanto dentro como fóra da vivenda.  A convivencia implica tamén acudir a citas médicas ou facer calquera outra xestión administrativa. O proxecto contempla un servizo de acompañamento e transporte que lles facilitará estas tarefas.

 

Para a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, este proxecto é “un exemplo de igualdade para que todas as persoas teñamos as mesmas oportunidades “. A alcaldesa manifestouse encantada con este proxecto e felicitou tanto ao Presidente de COGAMI como ao Director do centro de Mos por “ter unha vivenda onde as persoas usuarias se sintan totalmente integradas, onde poden ter a súa independencia total”.

 

O equipo de profesionais que levará a cabo o proxecto está formado por 2 persoas coidadoras, unha traballadora social, unha terapeuta e unha pedagoga que terán como misión o acompañamento no desenvolvemento de obxectivos individuais que posibiliten a vida autónoma das persoas participantes, así como o acompañamento e apoio no desenvolvemento das actividades que se vaian organizando no proxecto.

Valora agora
(0 votos)