O BNG presentará no Parlamento Galego a súa iniciativa contra o macroproxecto do Celta este próximo mércores, 21 de novembro. O deputado Luís Bará reclamará no pleno a retirada da proposta de modificación da Lei do Solo que se inclúe na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2019, coa que, según os nacionalistas, se pretende legalizar a expropiación dos terreos e posterior privatización para a construción da cidade deportiva e o centro comercial.
Na iniciativa parlamentaria, o BNG insta tamén á Xunta a "rexeitar" a autorización da modificación do Plan Xeral de Mos para evitar "unha desfeita social, ambiental e económica" e solicita unha moratoria na autorización de macrocentros comerciais.
Luís Bará pedirá explicacións, ademais, sobre o procedemento seguido polo Goberno Galego, que denuncia "ofreceu apoio público a un proxecto privado e de carácter lucrativo promovido por unha empresa privada".
Apoio á concentración do venres
O BNG de Mos trasladou unha invitación para asistir ao pleno do mércores en Santiago aos representantes das comunidades de montes e as traídas de augas afectadas. Ademais, o Consello Local anunciou o seu apoio á concentración convocada para este venres ás 20:00 horas na Praza do Concello de Mos, convocada pola Comunidade de Montes de Tameiga e as Comunidades de Augas de Casal-Tameiga, Petelos-Tameiga, Montebaixiña e Sanguiñeda.
Dende a presentación do proxecto, o BNG amosou a súa oposición frontal á construción dunha cidade deportiva e unha gran superficie comercial nos montes de Cela, Pereiras e Tameiga.