O BNG de Mos acusa á Plataforma Antilindano da Louriña de "facer demagoxia política" cun tema de saúde pública como é a contaminación por lindano nos termos municipais do Porriño e Mos. Sinalan concretamente á representante da Plataforma, Patricia Sío, polas declaracións feitas tras a reunión mantida onte en Mos con En Marea e GañaMos onde afirmaba que "só En Marea escoita as súas reivindicación", cousa que defenden "é mentira". Dende o BNG afirman que "a cercanía política con ese partido da persoa da plataforma que fala é coñecida e deixa en mal lugar á propia plataforma, xa que vese ás claras que non se quere ver o que fan os demais partidos sobre ese tema". Consideran que as persoas de GañaMos presentes "deberían ter informado nese mesmo momento de que o que dicía non era certo, pero vaille ben con ese tipo de mentiras".
Os nacionalistas consideran que ante unhas afirmacións "partidistas" e "insultantes" sobre un tema de tal gravidade deben lembrar o traballo feito polo BNG "xa nos finais da década dos noventa, e máis recentemente a finais do ano 2017". Con tal motivo, relatan que o 18 de novembro do pasado ano, advirten dunha posíbel afección de lindano e presentan un escrito no rexistro do concello de Mos para que se estude este tema analizando terras e augas. No pleno de novembro o edil do BNG, Miguel Aldea, "recabou información sobre a postura do PP neste tema é pediu que asumiran o presentado no anterior escrito". Posteriormente, o 12 de decembro o BNG presenta unha moción no parlamento galego sobre o líndano, "para a súa localización e demandando a a súa descontaminación", esta petición foi apoiada polo PP e demais forzas da oposición. Finalmente, destacan o día 11 deste mes a Xunta de Galiza por medio dunha empresa está a realizar o análise de líndano en determinadas zonas do concello, o estudo ten unha duración de tres meses no cal ao seu remate publicarán o seu informe.
Dende o BNG-MOS queren deixar claro "ca saúde publica non se xoga, tráballase e non se fai demagoxia".