Imprimir esta páxina
28
Marzo

Galicia realizou 181 transplantes de medula ósea no 2015

A pesar de que no ano 2015 as doazóns de médula aumentaron nun 32% , Galicia continúa por debaixo da media nacional

O número de transplantes de médula ósea efectuados en Galicia no ano 2015 ascendeu a 181. Dende 1998 realizáronse nos hospitais do Servizo Galego de Saúde preto de 2.600, o 99% destes se obtiveron das células do sangue periférico.


Así, os transplantes de medula realizados distribúense entre os distintos centros da rede do Servizo Galego de Saúde do seguinte xeito: 59 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; 45 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (6 dos cales foron en pacientes pediátricos); 44 no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; 12 no Hospital Universitario Lucus Augusti; 12 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; e 9 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.


Así mesmo, a pesar de que no ano 2015 Galicia aumentou nun 32% o número de doazóns de medula ósea (1.347) respecto ao ano anterior (1.250), as cifras acadadas fan que a nosa Comunidade se sitúe nunha posición inferior á media nacional.


A tal efecto, a Consellería de Sanidade ten a disposición das galegas e galegos unha páxina web://galicia.medulaosea.org que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Deste xeito, neste enderezo electrónico poden eles mesmos apuntarse. A doazón tamén pode efectuarse chamando aos teléfonos gratuítos 900 100 828 ou 900 102 688.

 

Tipos de transplantes


Na actualidade, o transplante de medula ósea é un procedemento ben consolidado nos hospitais do Sergas, habendo tres tipos diferentes: O autólogo, o aloxénico emparentado e o aloxénico non emparentado. Os primeiros son aqueles nos que se poden usar tanto a medula ósea como as células nai que circulan polo sangue do propio paciente. Unha vez extraídas e tratados con medicación, vólvense a infundir ao paciente.


O transplante aloxénico emparentado é aquel no que non se poden usar as células propias do paciente e hai que buscar un doador, dentro da familia, que sexa compatible. Neste caso, a fonte de células é a medula ósea ou o sangue periférico dun familiar.


E falamos de transplante aloxénico non emparentado cando non podemos usar as células propias do paciente e non hai un doador compatible dentro da familia. No ano 2008 comezouse a facer este tipo de transplante na nosa comunidade e ata este año fixéronse un total de 210 transplantes, que doutra maneira tiñan que terse feito fóra de Galicia.


Sinalar, por último, que poden ser doadores de medula ósea as persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón.

 

Valora agora
(0 votos)