Imprimir esta páxina
25
Marzo

As brigadas antiincendios desinfectan residencias de maiores e discapacitados e centros de saúde

Os profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF) de Galicia iniciaron onte a desinfección dos exteriores das residencias de maiores, das de discapacitados e dos centros de saúde dos municipios galegos de menos de 5.000 habitantes.

Así, o persoal do SPDCIF actuará en preto de 100 residencias de persoas maiores e de discapacitados e en máis de 460 centros de saúde de 200 concellos do rural durante a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus. Os profesionais do SPDCIF desinfectarán estas áreas rurais tan concorridas e nas que existe un risco superior de contaxio.

 

Para executar estes traballos, os efectivos contan coa debida formación para facelos e con todo o material de protección necesario para asistir con todas as garantías sanitarias, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias ao efecto. Tamén dispoñen da maquinaria e os produtos precisos para efectuar as desinfeccións. Ademais de desinfectar, establecerán contacto cos profesionais das residencias e reforzarán os seus protocolos de prevención.

 

A maiores, estes profesionais tamén se encargarán de vixiar as zonas de esparexemento no rural para garantir o confinamento e colaborarán nas comunicacións de posibles condutas irregulares a través da rede de emisoristas do propio Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF) de Galicia.

 

En concreto, estes labores executaranos os traballadores que participen voluntariamente na iniciativa durante as súas quendas de traballo. Con todo, é sabido que a súa función principal e primordial é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar, unha cuestión que está garantida.

Valora agora
(0 votos)