Imprimir esta páxina
16
Agosto

Desarticulada unha organización que distribuía cocaína en España e Portugal

Hai 14 persoas detidas en Pontevedra, Valencia e Portugal, e interviuse case media tonelada de cocaína. Transportaban a droga en vehículos con dobres fondos e nun remolque cun sistema moi sofisticado de ocultación


A Garda Civil, no marco da operación Mansalva, desarticulou unha organización criminal dedicada a introducir cocaína vía marítima que posteriormente distribuía a distintos lugares da Península Ibérica. Na operación incautáronse 475 quilos de cocaína e hai un total de 14 persoas detidas: 11 en Pontevedra, dúas en Valencia e unha en Portugal.

 

Nos nove rexistros levados a cabo, a Garda Civil ha interviu ademais 12.000 euros en efectivo, 12     teléfonos satelitais,  catro vehículos dotados de dobres fondos e un remolque  dotado dun sofisticado sistema hidráulico de ocultación, no que a organización chegou a trasladar máis de 300 quilos de cocaína. Así mesmo, a Garda Civil descubriu unha plantación  indoor de marihuana con mil plantas que pertencía á organización.

 

As investigacións iniciáronse o ano pasado, cando especialistas  da Garda Civil na loita contra o crime organizado tiveron coñecemento da existencia dun grupo delituoso asentado en Pontevedra, integrado por persoas con antecedentes por narcotráfico.

 

En xullo do ano pasado, a investigación frustrou a entrega de máis de 300 quilos de cocaína que fora trasladada  desde Galicia ata Valencia. Alí interviuse a droga nun garaxe  da localidade de  Quart de  Poblet (Valencia), cando estaba a ser custodiada por dous membros da organización, que foron detidos nese momento.

 

Posteriormente, os avances na investigación frustraron en Portugal outra entrega de 175 quilogramos de cocaína, que fora trasladada desde a provincia de Pontevedra.  A Policía Judiciaria do Porto e a Garda Nacional Republicana incautou esta partida nas inmediacións da localidade de  Coimbra (Portugal) e  detivo á persoa que transportaba a droga.

 

Un remolque sofisticado

 

A Garda Civil descubriu o curioso sistema  utilizado pola organización, consistente nun remolque, aparentemente baleiro, pero dotado dun sofisticado sistema hidráulico que ocultaba un dobre fondo con capacidade para máis de 300 quilogramos. Varios vehículos lanzadeira escoltaban a carga. A organización tiña moi avanzados os contactos e preparativos para a introdución dunha importante cantidade de cocaína que, vía marítima,  chegaría a Galicia procedente de  Sudámerica. A Garda Civil logrou abortar este envío ao deter a todos os seus membros.

 

Nun os rexistros practicados en propiedades dos detidos, achouse unha plantación  indoor de marihuana, en pleno rendemento, con máis de mil plantas.

 

Os detidos utilizaban  medios técnicos avanzados para evitar ser detectados e investían importantes cantidades de diñeiro en tecnoloxía, para obter comunicacións seguras e detectar medios de investigación policiais.

 

Valora agora
(0 votos)