Imprimir esta páxina
O Concello de Tui informa ao xulgado dos pasos para a demolición da pirotecnia Zona cero Paramos
30
Octubre

O Concello de Tui informa ao xulgado dos pasos para a demolición da pirotecnia

A empresa ten ata este mércores, 31 de outubro, para levar a cabo o desaloxo voluntario das instalacións


O Concello de Tui vén de remitir ao Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Pontevedra o cronograma previsto para a execución da sentenza de desaloxo e demolición da empresa.


Segundo figura neste cronograma a empresa ten ata este mércores, 31 de outubro, para levar a cabo o desaloxo voluntario das instalacións. En caso de incumprimento o concello procederá á execución subsidiaria do desaloxo, que requirirá a elaboración dun Plan de Desaloxo, para o que a empresa terá que facilitar un inventario das materias existentes nas instalacións. Este plan será enviado posteriormente á Intervención de Armas da Garda Civil e á Subdelegación do Goberno, e finalmente deberá ser aprobado en Xunta de Goberno Local e trasladado ao interesado, a efectos de que poida presentar recurso de reposición. Finalmente será o Concello quen contrate a unha empresa especializada para a execución do desaloxo, e podería impor multas coercitivas á Pirotecnia La Gallega por non levar a cabo o desaloxo voluntario. O prazo estimado para a execución do desaloxo por parte do Concello é de 3 meses.


Por outra parte a empresa propietaria da pirotécnica debe executar o derrubo das instalacións, conforme a un proxecto, para o que terá o prazo dun mes dende o remate do proceso de desaloxo. Se La Gallega non procede a este derrube será o Concello quen o teña que facer de forma subsidiaria, tramitando para iso un proxecto de demolición, do que deberá informar tanto á Intervención de Armas da Garda Civil, como á Subdelegación do Goberno, e terá que contar coa aprobación da Xunta de Goberno Local. Por último será o Concello quen contrate as obras de demolición e as execute en caso de que antes non o faga a propiedade.


Segundo a información remitida polo Concello de Tui ao Xulgado no cronograma o tempo total estimado para o desaloxo e demolición das instalacións de La Gallega será de 8 meses no caso de que o Concello a teña que realizar de xeito subsidiaria.

 

Cronograma

 

  • Desaloxo Voluntario Pirotecnia………………………….……ata o 31 de outubro de 2018
  • Desaloxo subsidiario……………………………………………….3 meses (a contar desde o 31 de outubro).
  • Execución voluntaria de derribo……………………………..1 mes (a contar desde a acta de finalización do desaloxo).
  • Execución subsidiaria de derribo: Aprobación proxecto de demolición ……………1 mes (desde a expiración do prazo dun mes para o derrubo voluntario) ou Execución obras de derribo………………………….3 meses (desde a aprobación do proxecto)
  • Prazo total……………………………………………………………….8 meses
Modificouse o Martes, 30 Octubre 2018 08:15
Valora agora
(0 votos)