O Goberno Municipal lembrará ese día presentando a alumnas e alumnos da vila o proxecto ambientalista “O Monte nace na Escola”, ás 11 e media da mañá, que ten coma obxectivo comprometer as cativas e cativos, rapazas e rapaces dende a Escola Infantil ata o Instituto para incorporar elementos de convicción que garanta a supervivencia do medio ambiente nevense.
As medidas impulsadas polo Concello abranguen ademais o plan “Sementando Vida”, coa axuda de One Oak, que posibilitará que dende o mes de novembro ata o mes de febreiro de 2019, se planten 10.000 árbores no “Sendeiro dos Pescadores”, na contorna do río Miño, un vieiro que une As Neves con Portugal, e por onde hai un ano entrara o lume.
Do mesmo xeito, da man da Deputación de Pontevedra, e das Comunidades de Montes, está previsto plantar unha hectárea de castiñeiros en Tortoreos, e outros 7.000 en Vide, ademais de colaborar co “Grupo Naturalista Hábitat” e Abanca na iniciativa “Unha nova árbore”, que fará posible plantar centos de árbores autóctonas en San Nomedio.
O Alcalde das Neves, reuníuse esta mañá co colectivo de familias afectadas pola perda da vivenda habitual e a representante do grupo de voluntariado para analizar a súa situación e ofrecerse a continuar colaborando na resolución dos seus problemas.