"Fai exactamente un mes, tal día como hoxe, ás 16:23 da tarde un desgraciado suceso cambiou as nosas vidas para sempre". Así comezaba a súa intervención Salvador García, presidente da plataforma de afecados pola explosión pirotécnica que devastou a parroquia de Paramos o pasado mes de maio, e é que fai un mes un tráxico suceso o rompeu todo e, a día de hoxe, demasiadas cousas e vidas seguen rotas. Así, xusto un mes despois de que as súas vidas cambiaran para sempre, decenas de afectados congregáronse no barrio da Torre para reclamar das administracións que "unan as súas forzas" para dar unha solución aos centos de veciños afectados pola deflagración, nunha comparecencia que arrancou gardando un sentido minuto de silencio polos dous veciños falecidos e rematou ao grito de "Afectados, solución".
E é que pasado un mes do suceso as súas vidas seguen sepultadas baixo toneladas de escombros. Con tal motivo e ante o desamparo que estas familias están a sentir, denuncian o que para eles supón a "lenta burocracia" á hora de xestionar as axudas que lles corresponden. Nun manifesto leído polo presidente da plataforma, Salvador García, e a voceira, Lupe Pérez, chamaron ás diferentes admnistracións implicadas a unir forzas para "solucionar o prolema canto antes" e que "deixen de pasarse a pelota".
Á Xunta lle pediron que aumente as partidas relacionadas coa construción para as segundas vivendas e ao Goberno Central solicitan que declare Paramos, dunha vez por todas, zona gravemente afectada por unha emerxencia de Protección Civil (Zona Catastrófica).
Dende a Plataforma amosaronse especialmente críticos coa xestión desta situación por parte da Diputacíon de Pontevedra, a quen pediron que "se implique dunha vez" pois "o único que recibimos deles ata o de agora foron excusas e balóns fora".
Reclaman tamén ao Sergas que envíe un facultativo ao Centro de Saúde de Tui para atención permanente aos afectados.