Imprimir esta páxina
07
Marzo

SDL apoia a folga feminista do 8M

Xunto con miles de mulleres xornalistas de decenas de medios e axencias de comunicación, gabinetes de prensa, e, en xeral, traballadoras de medios e empresas xornalísticas apoiamos a folga xeral feminista convocada para este 8 de marzo. Da mesma maneira, instamos a todas as compañeiras a que se sumen á mobilización na medida das súas posibilidades e circunstancias.

 

Todas sufrimos o mesmo machismo que as mulleres do resto de sectores pero coas particularidades asociadas á nosa profesión. Somos conscientes da relevancia social do noso traballo e, por iso, amosamos tamén a nosa preocupación pola visión parcial da realidade que tantas veces ofrecen os medios e na que falta a presenza e aportacións das mulleres. O FEMINISMO TAMÉN É NECESARIO PARA MELLORARMOS O XORNALISMO.

 

  • A FENDA SALARIAL é unha realidade no noso sector. Esiximos ás empresas transparencia salarial e unha revisión de categorías, complementos e criterios profesionais que permitan acabar con ela.

     

  • TEITO DE CRISTAL. As direccións dos medios e empresas xornalísticas están copadas por homes. Reivindicamos o noso dereito a ocuparmos postos de poder e responsabilidade e a que se nos teña en conta nas promocións profesionais para postos intermedios.

     

  • PRECARIEDADE. Sufrimos niveis de temporalidade superiores aos dos nosos compañeiros. Da mesma maneira denunciamos a inestabilidade laboral das compañeiras freelance e das falsas autónomas, unha situación de precariedade que se fixo habitual nos últimos anos.

     

  • CORRESPONSABILIDADE E COIDADOS. Denunciamos que as dinámicas de traballo priorizan o presentismo e a libre disposición e son alleas ás necesidades de coidado que teñen todas as persoas. Cremos que a corresponsabilidade e a flexibilidade non debe ser un asunto de boa vontade, senón unha prioridade que as empresas deben asumir para que estas tarefas se repartan por igual entre mulleres e homes. Como noutros sectores, unha ausencia de conciliación real perxudica máis as mulleres, que acaban modificando ou recortando os seus horarios para poderen coidar e mesmo abandonando o seu emprego ou cambiando de profesión.

     

  • ACOSO SEXUAL E LABORAL. Son moitas as xornalistas que veñen de sufrir por parte de compañeiros e superiores, pero tamén de fontes, situacións de acoso sexual. Por outro lado, o ninguneo, a condescendencia, o paternalismo e os mansplaining están á orde do día nas redaccións e fóra delas, na nosa actividade diaria. Como profesionais da comunicación sufrimos acoso online, ademais de comentarios violentos e machistas nas nosas pezas.

     

  • Os espazos de OPINIÓN e as TERTULIAS están masculinizados. Hai máis que suficientes mulleres xornalistas e expertas que poden equilibrar eses espazos.

     

  • OLLADA PARCIAL e preocupación polos enfoques. Todas estas fendas que sufrimos as xornalistas teñen consecuencias, tamén nos contidos e nos enfoques dos medios de comunicación. A visión da realidade que transmiten é moitas veces parcial e está sesgada porque non ten en conta na mesma medida as experiencias, os relatos e as vivencias das mulleres que, a miúdo, son tratadas como personaxes secundarios ou con estereotipos. Un exemplo é o tratamento da violencia machista, que en moitas ocasións segue culpabilizando á vítima. As primeiras páxinas, as aperturas de medios e informativos son decididas por homes.

     

Instamos aos lectores e lectoras a seren cómplices das nosas demandas.

 

Asinamos este manifesto a título individual e non queremos que ningún partido político ou sindicato se apropie das nosas reivindicacións.

 

Asdo: Cristina Atanes.

Modificouse o Miércoles, 07 Marzo 2018 23:17
Valora agora
(0 votos)