Imprimir esta páxina
24
Noviembre

Atrifoga denuncia o cese de traballadores contra os incendios en favor de empresas privadas

436 traballadores de persoal de tres meses do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia foron cesados o pasado 12 de novembro


A Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia ( Atrifoga) ven de emitir un comunicado lamentando  o  cesamento o pasado 12 de novembro de 436 traballadores de persoal de tres meses do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia , xunto con outros 626 fixos descontinuos de 9 meses que serán  extinguidos o próximo 30 de novembro "a favor de traballadores de empresas privadas".

 

Sinalan que “tras a vaga de incendios e a traxedia, xurdiu o espírito solidario do momento e apareceron, espontaneamente, iniciativas de axuda de voluntarios, pero como digo a Administración Autonómica, os voluntarios axudan, pero necesítase persoal profesional todo o ano". O perigo persiste e  apuntan ademais que "o cambio climático está a xerar, cada vez, secas máis intensas e isto, deriva en  aridez extrema, o que fai que os montes estean máis propensos a arder pola acumulación de biomasa sen xestionar; a consecuencia do despoboamento, da falta de actividades agropecuarias e forestais do Rural e do éxodo á cidade. Todo iso, implica unha desestacionalización do risco de incendios, xa que arde en calquera época do ano e non só no verán”.

 

Explican tamén que “ante este escenario, a Administración debe cambiar a súa estratexia e as súas políticas preventivas para poder facer fronte a unha nova tipoloxía de grandes incendios forestais, explosivos e simultáneos, que colapsan os sistemas de extinción e de emerxencias, desbordando calquera tipo de previsión e que resultan devastadores con centos ou miles de hectáreas calcinadas”. Atrifoga denuncia que a Xunta rectificou tras un intervalo de 12 días, a súa postura inicial e "recoñeceu que era necesario ampliar o tempo de traballo do persoal de 3 meses do  SPDCIF, dada a situación que se estaba vivindo e que facía falta prolongar o dispositivo durante máis días"; con todo,”436 traballadores foron cesados o 12 de novembro e o  30 de novembro, 626 fixos-descontinuos de 9 meses”.

 

“O persoal de 3 meses do  SPDCIF vaise ao paro, sen sequera con dereito a un subsidio polo seu contrato temporal e precario, mentres empresas como  SEAGA e  TRAGSA están a incorporar persoal para participar nos labores de recuperación forestal das zonas arrasadas polos incendios, a entidade privada  Natutecnia segue operando con gran parte dos traballadores das bases de helicópteros e nalgúns concellos, mantén nos seus persoais a cuadrillas e condutores” , apuntan.

 

Atrifoga volve denunciar “a hipocrisía da súa  contratador (Xunta de Galicia) e esa política forestal encamiñada a  segmentar o dispositivo fomentando a descoordinación, a reducir e desmantelar os efectivos do Servizo Público e a dar beneficio a empresas de xestión privada, deixando na rúa aos seus propios traballadores públicos, que son profesionais cualificados, eficientes e que sairían máis rendibles. Así mesmo,  Atrifoga lembra que as súas funcións non son só as da vixilancia, detección, coordinación e extinción de incendios, senón as básicas tarefas de prevención, rexeneración forestal e emerxencias rurais”.

 

Neste momento, declaran, “urxe executar os traballos de consolidación do chan e de recuperación da cuberta vexetal protectora para evitar a erosión e o efecto arrastre das cinzas cara aos ríos e as rías, co consecuente risco de contaminación das augas, afectando á flora e á fauna; así como os labores de rehabilitación das infraestruturas.”
Conclúen sinalando que “a Xunta dirá que non hai diñeiro nin orzamentos, que os traballadores non son necesarios, que non hai risco de incendio, que as condicións climáticas son distintas, pero non poderán xustificar que falta persoal para recuperar os nosos montes cando o están contratando de maneira externa e privada”.

Valora agora
(1 Vote)